A vinculación co territorio, o compromiso por manter a esencia e a calidade artística, pedras angulares do Revenidas

O Festival Revenidas aproveitou a súa presentación para consolidar as súas pedras angulares: a vinculación co territorio, o a calidade da proposta artística e o compromiso coa súa esencia. No acto estivo presente o equipo organizador, as entidades públicas relativos ao Concello de Vilagarcía, a Deputación de Pontevedra e a entidade Xacobeo 2027, xunto os responsables dos patrocinios privados, Vibra Mahou, xunto cun representante do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías, responsable dunha das novidades desta edición, o escenario Ondas e Partículas.

Na liga dos grandes festivais sen perder a esencia

O organizador e director do festival, Xoán Quintáns, aproveitou un símil futbolístico para sinalar que “a pesar das carísimas fichaxes que están a facer outros festivais e tendo en conta o límite salarial que ten o noso, o Revenidas segue en pé e con vontade de continuar xogando nesta liga”. Quintáns subliñou ademais o feito de facelo “sen apartarnos da nosa liña”.

En canto ás novidades desta edición, o responsable do festival destacou a incorporación do escenario científico e a mellora da profesionalidade en todos os aspectos que incumben a organización dun festival. Dende o punto de vista artístico, Xoán Quintáns sostén que o cartel deste ano mantén a liña do de edicións anteriores, con unha destacada presenza de artistas galegos, e con concertos únicos en Galicia, como o do aclamado músico londinense Bob Vylan ou o penúltimo concerto antes da súa anunciada disolución dos valenciáns La Gossa Sorda.

O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, incidiu tamén no símil futbolístico e comparou ao Revenidas co Athletic de Bilbao. “Non todos os equipos teñen que ser o Madrid ou o Barcelona. Tamén hai equipos diferenciais que son canteira e identidade do seu territorio. E iso é tamén o Revenidas. O noso Athletic de Bilbao da música”, comentou. Varela, que engadiu que o festival de Vilaxoán é o máis diferente de cantos se celebran en Galicia, sinalou que o Revenidas supón o peche perfecto para o verán en Vilagarcía.

O deputado de Acción Comunitaria, Equipamentos Públicos, Fondos Europeos da Deputación de Pontevedra, Javier Tourís, destacou o feito de que nesta edición o Revenidas engada unha vertente divulgativa á súa consolidada proposta musical. Para o deputado pontevedrés, o festival de Vilaxoán, que forma parte do circuíto Rías Baixas Fest, ademais dun importante dinamizador cultural é tamén un destacado dinamizador económico que ten repercusión na comarca e na provincia. “De aí o firme compromiso da Deputación de axudar a este tipo de iniciativas”.

Para o comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez, representa á perfección o espírito do que quere ser o Xacobeo. “Un festival que foi capaz de consolidarse sen renunciar á súa identidade e a súa orixe. Un festival diverso, que representa ao seu territorio e aberto a todos os públicos, como queremos que sexa o Xacobeo”, comentou. Gómez tamén subliñou o papel de dinamizador económico que desenvolve o festival de Vilaxoán así como a proxección que supón de cara ao exterior. “Dous valores nos que de novo concorda co espírito do Xacobeo”, dixo.

Novidade: Ondas e Partículas

Unha das novidades desta edición é o escenario de divulgación científica Ondas e Partículas, que o Revenidas incorpora en colaboración co CERN e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE). O responsable de comunicación de IGFAE e coordinador do CERN, Manuel Rey, destacou o feito de que sexa o Revenidas que acolla por primeira vez en Galicia esta iniciativa de itinerancia internacional.

Rey adiantou que Ondas e Partículas contará cunha carpa propia no recinto do festival no que durante os catro días se desenvolverán talleres e charlas sobre cuestións físicas, outras nas que a ciencia se relaciona coa música e sobre temas de divulgación como o mar de ardora, a eclipse ou as mareas vermellas. A programación completa das actividades e os horarios do escenario Ondas e Partículas darase a coñecer nos vindeiros días.

O responsable de marketing local e clientes de Mahou Galicia, Hugo Pérez, puxo en valor a transcendencia do Revenidas asegurando que “para Vibra Mahou é un dos festivais máis importantes de cantos se celebran en Galicia” e agradeceu que un dos escenarios do festival leve precisamente ese nome.

A presentación contou cunha actuación en directo de The Rapants, un dos grupos que este ano tamén participarán no festival. A banda de Muros quixo agradecer ao Revenidas “o feito de que confiaran en nós cando case ninguén o facía”. “Nin a nosa propia familia”, bromearon.

Concertos a bordo

Como xa é tradicional, o Revenidas contará cunha serie de concertos que se realizarán o sábado e domingo navegando pola ría de Arousa a bordo do barco Chasula, cun aforo máximo de 12 persoas e con degustación de viño e pratos mariñeiros.

O sábado 12 haberá concertos de Dakidarría (con saída do porto de Vilaxoán ás 13 h), Kapital Voskov (15 h) e The Rapants (17 h). Os concertos a bordo do domingo 13 correrán por conta de De Vacas (13 h), Tapa D’Orella (15 h) e Mondra (17 h).

As entradas para estes concertos estarán á venda na web revenidas.com a partir das 12.00 horas do domingo 6.

Na mesma web xa están dispoñibles os abonos así como as entradas por días e as prazas para a acampada.

Revenidas conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, no marco dos Concertos do Xacobeo.

Revenidas conta tamén co apoio de Vibra Mahou, a plataforma de música de Mahou Cinco Estrellas, que impulsa experiencias cinco estrelas ao redor do directo.

Programación

O Revenidas 2026 arrincará o xoves 10 coas presenzas de Narco, Sara Hebe, De Ninghures, Sons of Aguirre & Scila, Nadie González, Süne, El Pony Pisador, Yaya Dj e A Duendeneta.

O venres 11 será a quenda de Evaristo, Bob Vylan, Dakidarría, Ilan Amores, La Sra.Tomasa, Matah, Terrae, The Salsa Punk Orkestra, Arrhythmia e A Duendeneta.

A terceira xornada do festival, a do sábado 12 reunirá a La Gossa Sorda, El Drogas, Fillas De Cassandra, The Rapanst, Taqbir, Rebeliom do Inframundo, Kumbia Queers, Malifeta, 9Louro, Awakate, Maloa Brothers, Queen Rendi, Tapa D’Orella e A Duendeneta.

O Revenidas pecharase o domingo 13 coa tradicional sardiñada popular ao mediodía, a Gala de Circo Solidaria e as actuacións de Mekanika Rolling Band, As do Xeito, De Vacas e Lisdexia.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego