A V Semana do Cinema Galego proxectará de balde na Coruña as mellores películas de ficción e documentais galegos do ano

O mellor do cinema galego encherá a cidade da Coruña do 19 ao 24 de marzo, cinco días nos que terá lugar a V Semana do Cinema Galego, un evento que exhibe o máis salientable da produción audiovisual galega do último ano. Trátase dun total de oito filmes, que foron os seleccionados como finalistas dos XXII Premios Mestre Mateo, que se proxectarán no Teatro Colón ao longo destes cinco días, en sesións gratuítas.

Filmes que se proxectarán

Deste xeito, o programa contará con catro longas de ficción: ‘Matria‘, ‘O Corno‘, ‘¡Salta!‘ e ‘Fatum‘, e catro documentais: ‘Emoción, Vida e Teatro. A nave das Marías‘, ‘A viaxe de Lucy‘, ‘Chichi e máis eu‘ e ‘Os espazos en branco‘. O acceso a todas as proxeccións do encontro será de balde, con entrada libre, por orde de chegada á sala, ata completar a capacidade. A presentación desta programación estivo presidida polo concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, que estivo acompañado por Pepe Coira, vicepresidente da Academia Galega do Audiovisual (AGA) e Avia Veira, deputada provincial da Deputación da Coruña.

5 días, 8 filmes

A actividade da V Semana do Cinema Galego botará a andar con ‘Emoción, Vida e Teatro. A nave das Marías’, documental dirixido por Saamira Ganay e Cris Andina, que se exhibirá o martes 19 de marzo ás 19.30 horas, tras o acto oficial de inauguración. ‘A Nave das Marías’ foi unha peza teatral creada dentro dun programa da ONG Ecos do Sur para facilitar espazos de participación e visibilización para mulleres migrantes impulsando procesos de sensibilización social en cuestión de xénero. Este documental fala da importancia do teatro como ferramenta de intervención social.

Na segunda sesión do día, ás 21.30 horas, terá lugar a proxección de ‘Matria’, longametraxe dirixida por Álvaro Gago e que foi un dos grandes fitos do noso audiovisual o pasado ano cunha recadación que xa pasa dos 226.000 euros e os 40.000 espectadoras nas salas. Unha película que lle valeu á súa intérprete protagonista, María Vázquez a Biznaga de Prata á Mellor Actriz Protagonista.

O mércores ás 19.30 horas será a quenda do documental ‘A viaxe de Lucy’, dirixida por Ruth Chao: un achegamento sen precedentes ás bambolinas dunha apaixoante misión espacial da NASA a través dos ollos de Hal, Cathy, Donya e Matt que axudarán a derribar os clichés de científicos a través da súa intimidade, sendo inspiración para as vindeiras xeracións.

Na segunda sesión do mércores ás 21.30 horas, terá lugar a proxección de ‘O Corno’, outro dos grandes fitos do noso cinema recente. Esta longametraxe dirixida por Jaione Camborda recibíu a Cuncha de Ouro do Festival de Cine de San Sebastián, foi seleccionada no Festival de Toronto e Janet Novás e a súa actriz protagonista, obtivo o Goya á Mellor Actriz Revelación. Unha das pezas máis potentes dos últimos anos a nivel estatal, con 394.000 euros de recadación e uns 67.000 espectadores en salas que poderá verse tres días antes da celebración da gala dos Mestre Mateo, para a que acumula nada menos que 14 candidaturas finalistas.

No ecuador da Semana, o xoves 21 de marzo, ás 19.30 horas será a quenda de ‘¡Salta!’, dirixida por Olga Osorio, que conta con 9 candidaturas finalistas aos Mestre Mateo. Un filme para todos os públicos que trae a ciencia ficción aos nosos barrios coruñeses: os seus protagonistas, Óscar e Teo (13 e 10 anos) son dous irmáns veciños do barrio das Flores, que se embarcarán nunha viaxe do tempo, na procura da súa nai, unha prometedora científica obsesionada cos buratos de verme.

Un chisco máis tarde, ás 21.30 horas, exhibirase ‘Fatum’, dirixida por Juan Galiñanes e protagonizada por Luís Tosar. Un thriller ético que enreda os destinos de dous pais: Pablo, francotirador dos GEO e Sergio, adicto ao xogo que acode á casa de apostas por un sopro, onde un disparo cambiará as súas vidas para sempre. Unha loita pola supervivencia das súas respectivas familias que fará conter a respiración ao público mentres presencia a resolución desta trama que se desenvolve enteiramente en localizacións coruñesas. Con case 1 millón de euros acadados será a última longametraxe de ficción da Semana do Cinema Galego.

O programa do venres 22 de marzo recolle dous documentais moi especiais, por intimistas: iniciarase coa proxección, ás 19.30 horas, do documental ‘Chichi e máis eu’ na que o director Nico Campos recolle a memoria de sei pai, Xesús “Chichi” Campos, pioneiro do cómic galego, loitador antifranquista, galerista e humorista. Unha das figuras máis esquecidas da cultura galega que cando morreu deixou a un fillo que só tiña once anos e moitas preguntas, que trinta anos despois, responde neste documental.

A última sesión da Semana do Cinema Galego será ás 21.30 horas do venres coa proxección de documental ‘Os espazos en branco’, de Bruno Arias, sobriño da escritora Xela Arias, que recolle as memorias doutras persoas para reconstruír o recordo da súa tía, finada cando el tiña 5 anos. Bruno decide transitar así as caras e lugares que viviron a súa tía para dar luz a este conflito interno a través da primeira herdanza que lle deixou: o impulso creativo.

A clausura da V Semana do Cinema Galego será a mañá do domingo 24, ás 12.00 horas, e virá da man da Banda Municipal de Música nun concerto temático no que se versionarán bandas sonoras de cinema. Esta última cita, coma todas as anteriores, terá lugar no Teatro Colón, con entrada libre ata completar capacidade.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego