Un ano máis a Universidade de Vigo súmase á celebración do Día das Letras Galegas, o día grande da cultura e a lingua galegas. Nesta ocasión, a cita será o xoves 16 no campus de Ourense e nela, ademais de renderse homenaxe á escritora Luísa Villalta, entregaranse os distintivos literarios e de galeguización da UVigo.
O evento, organizado pola Área de Normalización Lingüística e a Vicerreitoría de Extensión Universitaria, terá lugar na Facultade de Educación e Traballo Social ás 12.30 h, presidido por Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e contando coa asistencia do secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García; membros do equipo reitoral e protagonistas do acto, ademais de membros da comunidade universitaria interesados en unirse á festa das letras galegas. O programa arrancará cunha conversa entre a profesora da UVigo Isabel Mociño e a xornalista e profesora da USC Montse Dopico arredor de Luísa Villalta. A escritora homenaxeada nesta edición tamén será a protagonista de varios vídeos que se proxectarán no acto realizados por alumnado da Facultade de Educación e Traballo Social baixo o título Variacións sobre a obra de Luísa Villalta.
Membros da comunidade universitaria e centros premiados
Como xa é tradición, no acto entregaranse os Premios de poesía, relato curto e tradución 2024 da Universidade de Vigo, galardóns cos que a institución académica distingue a creatividade literaria en galego dos membros da comunidade universitaria. Convocados ao abeiro do convenio de colaboración vixente entre a UVigo e Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta para a promoción da lingua galega, están dotados en total con 3600 euros, cun primeiro premio de 700 euros en cada categoría e dous accésits de 250 euros cada un. Os traballos gañadores serán publicados nunha obra editada pola propia institución académica.
En poesía, o primeiro premio foi para Natalia Otero polo poemario Crónica doutra terra, concedéndose ademais un primeiro accésit a María Dolores López por A liturxia e un segundo a Saray Rodríguez por A outra morte de Sara I. En relato curto, o primeiro premio foi para Alba Guzmán por A derradeira novela de Verónica Silgar; o primeiro accésit para Fabio Rivas por A froita no karité, e o segundo accésit para José Nicanor Alonso por Distopía?. Tamén se entregarán os galardóns de tradución, que nesta ocasión distinguiron cun primeiro premio a Tamara Andrés Padín, pola tradución dun texto escrito en valenciano por Vicent Andrés Estellés. Nesta categoría o primeiro accésit foi para Natalia Otero, pola tradución dun texto escrito en castelán polo Conde de Lemos, e o segundo para Xulia Sánchez, pola tradución dun texto escrito en inglés por Dolly Alderton.
Como novidade nesta edición, a Universidade de Vigo entregará neste acto do Día das Letras Galegas o seu distintivo de galeguización Gal Ego 2023, posto en marcha este curso académico pola institución académica para incentivar e recoñecer o emprego da lingua galega en facultades e escolas. Nesta primeira convocatoria, resultou gañadora a Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, outorgándose ademais un galardón honorífico á Facultade de Filoloxía e Tradución do campus de Vigo. Este selo ten unha vixencia de catro anos (2023-2027) e vai acompañado dunha contía económica de 3000 euros para que a facultade ou escola empregue en desenvolver actividades ou iniciativas que fomenten o uso do galego.