A UVigo participa nun estudo sobre a desigualdade de xénero na “era do streaming”

A consolidación das plataformas de vídeo baixo demanda supuxo nos últimos anos un crecemento “constante e exponencial” da produción audiovisual, “xerando unha situación de emprego sen precedentes” nesta industria. Non obstante, “este aumento das oportunidades laborais non contribuíu a mellorar a presencialidade das mulleres no sector”. Esta é unha das principais conclusións do proxecto de investigación ‘Estudio del impacto de las plataformas streaming sobre el papel de la mujer en la industria audiovisual española y en sus contenidos’, coordinado pola Universitat Jaume I (UJI) e no que participou a investigadora e decana da Facultade de Comunicación, Emma Torres.

Financiado pola Generalitat Valenciana e centrado en abordar a situación das profesionais na industria do streaming, este proxecto abrangueu a análise das producións realizadas en España polas plataformas Netflix, HBO Max e Amazon Prime Video entre 2015 e 2022, nas que só o 35% das profesionais participantes eran mulleres. Estas desigualdades fanse así mesmo máis patentes en áreas como a dirección, asumida por homes no 81% dos produtos analizados, e en postos como a dirección de fotografía, nas que as mulleres só representan só 7% dos profesionais. Así mesmo, os resultados deste estudo amosan que os homes representan o 68% dos traballadores das producións do xénero documental realizadas por estas plataformas, só dirixidas por mulleres no 18% dos casos.

Coordinado pola investigadora Jéssica Izquierdo, responsable do Observatorio de Contidos e Plataformas Mediáticas da UJI, os resultados deste proxecto recóllense tanto nun informe, como no libro Mujeres en streaming. Especialización, liderazgo y representación, así como na web do proxecto. Esta recolle tamén artigos como como Mujeres en la industria documental. La desigualdad continúa en la era del streaming, no que Izquierdo y Torres subliñan “que as bases” para acadar melloras neste eido “teñen as súas raíces en cuestións educativas e formativas, pero tamén en políticas de xestión das produtoras e na busca real de discursos creativos femininos”.

Da presenza das profesionais á representación das mulleres

No marco da súa liña de traballo sobre a representación da muller no audiovisual, un dos traballos desenvolvidos por Torres no marco deste proxecto foi tratar de “sistematizar unha clasificación de representacións femininas” nas producións audiovisuais. Nese senso, ademais do estudo do grao de representación das profesionais nos produtos destas plataformas, outro dos resultados deste proxecto foi o deseño dun modelo de clasificación “de roles e estereotipos” na representación das mulleres en contidos audiovisuais, tendo en conta “como se representa a nivel visual, se ten un nesgo positivo ou negativo, que papel xoga, cal é o seu rol dentro da trama..,”, explica esta investigadora.

As “redes” xeradas polas profesionais

Como apunta Torres, o traballo desenvolvido permitiu tamén observar “unha correlación entre como era representada a muller nos contidos coa presenza ou non de mulleres no equipo creativo”, o que á súa vez serve como punto de partida para un novo proxecto, liderado tamén pola UJI e que busca seguir afondando neses desiquilibrios existentes na industria. Coordinador por Izquierdo e financiado polo Ministerio de Igualdad, Torres forma parte do equipo investigador de Las creadoras en el audiovisual: factores de transformación de las estructuras para renovar discursos y referentes, xunto a docentes das universidades de Sevilla, Girona e Alaska Anchorage.

O obxectivo deste proxecto é “identificar e comprender as redes que se tecen entre mulleres creativas do audiovisual para determinar o papel que desenvolven en xerar e manter oportunidades de traballo e desenvolvemento profesional, non só entre o ámbito creativo, senón tamén de produción”. Con ese obxectivo, explica Torres, un equipo “multidisciplinar” traballará na realización de entrevistas ás máis de 40 directoras españolas que estrearon traballos nos últimos catro anos. “Preguntámonos como chegan as mulleres aos postos de liderado nas distintas producións audiovisuais e que problemas atoparon”, sinala. De xeito paralelo, promoveranse tamén grupos de discusión dirixidos a afondar tamén nestas cuestións, coa participación de asociacións de profesionais e estudantes.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego