A Universidade de Vigo supera a marcas de matriculación do ano pasado ao acadar neste curso 2023/2024 a cifra de 19.918 estudantes, dos cales 15.901 son de grao, 2143 de mestrado, 1381 de doutoramento e 493 do Programa universitario para Maiores. Con todo, a evolución temporal non deixa marxe á dúbida e a crise demográfica xa se reflicte nunha lenta pero constante baixada de alumnado, afastándose pouco a pouco dos 20.552 estudantes do curso 2018/2019 ou dos 20.274 no 2021/2022.
O aspecto máis positivo das cifras de matrícula son os 3877 mozos e mozas que apostaron por comezar os seus estudos de grao este curso na UVigo, a cifra máis alta dos últimos sete anos. Volvendo ás cifras globais deste curso, dos 19.918 estudantes matriculados en todas as etapas, o 53% pertence ao campus de Vigo (10.645), seguido polo de Ourense, onde estuda o 25% das persoas matriculadas (5058) e de Pontevedra, co 21% (4215).
101% de taxa de ocupación nas prazas de novo ingreso de grao
A oferta de grao na UVigo neste curso está composta por 63 titulacións, 31 en Vigo, 19 en Ourense e 13 en Pontevedra, unha listaxe que se foi incrementando ano tras ano, pasando das 56 titulacións que se ofertaban no curso 2017/2018 ás 59 dos dous cursos seguintes e chegando a 62 no 2020/2021.
As titulacións que rexistran unha maior taxa de ocupación son o Máster en Dirección e Innovación da Cadea de Subministración, cun 117%, seguido, cun 100% de prazas cubertas, os mestrados en Valoración, Xestión e Protección do Patrimonio Cultural, en Deseño e Dirección Creativa en Moda; en Necesidades Específicas de Apoio Educativo, Dirección de Arte en Publicidade, en Exercicio Terapéutico en Fisioterapia e en Lingüística Aplicada.