A Universidade de Vigo rende homenaxe a Agatha Christie cunha obra de teatro

No ano no que se cumpre medio século da morte da escritora de misterio máis lida da historia e aproveitando a celebración do Día Mundial do Teatro, a Unidade de Cultura Científica da Universidade de Vigo, en colaboración coa actriz e directora teatral Cristina Collazo, realizou unha adaptación científico-divulgativa da novela Un cadáver na biblioteca, de Agatha Christie.

O museo municipal Quiñones de León de Vigo será o escenario os días 4 e 5 de marzo da representación de Misterio no pazo, na que o alumnado participante terá un rol protagonista. Conducidos por Mónica Camaño, no papel da Señorita Marple, personaxe icónica creada por Agatha Christie, o estudantado de 1º da ESO de catro centros educativos de Vigo terá que realizar diferentes probas e experimentos ata descubrir quen asasinou a protagonista da obra, Ruby Keene, interpretada por Adriana Santos Muñoz.

Os investigadores Tino Quintela, Guillermo Blanco e André Vidal asumirán os papeis de Marqués de Quiñones de León, Mark Gaskell e Raymond Starr, respectivamente. Pola súa banda, as técnicas da UCC+i e Víctor Martínez Mariño serán o persoal do servizo. O elenco complétase coa voz en off de Cristina Collazo (Josie), Zé Paredes (Basil Blake) e Manu Paino (Gastón). O espazo sonoro é obra de Marcos Paino.

Dous días, catro centros e 200 investigadoras

A actividade levarase a cabo os días 4 e 5 de marzo en horario de 10.00 h a 13.00 horas e polo pazo pasarán arredor de 200 estudantes de 1º da ESO, divididos en dous grupos por día. Nesta ocasión, os centros convidados serán o IES Álvaro Cunqueiro, o IES Alexandre Bóveda, o CPR Jesuitinas Miralba e o IES Carlos Casares.

A iniciativa foi presentada hai uns días pola vicerreitora de Comunicación e Relacións Internacionais da UVigo, Monica Valderrama; a directora teatral Cristina Collazo; a investigadora do CIM Paloma Morán; e o edil delegado de Cultura do Concello de Vigo, Gorka Gómez. Monica Valderrama, sinalou que Misterio no pazo busca tender pontes entre o coñecemento xerado na universidade e a cidadanía, especialmente a máis nova, facendo que o estudantado “investigue, experimente e aprenda facendo”. Pola súa banda, Cristina Collazo destacou que “o reto foi converter esa historia nunha experiencia inmersiva con base científica, na que o alumnado non é espectador, senón parte activa da investigación”, posto que “as probas científicas intégranse na propia dramaturxia e fan avanzar a acción”.

A investigadora Paloma Morán, do Centro de Investigación Mariña (CIM), explicou que “participamos varios científicos da UVigo e imos facer experimentos reais adaptados á rapazada co obxectivo de resolver un misterio”, a través de diferentes probas que permitirán ao estudantado descubrir quen é o asasino ou asasina. Morán, que participará na representación xunto cos investigadores André Vidal e Víctor Martínez, salientou que o importante “non é só o resultado final, senón o proceso: formular hipóteses, recoller datos, interpretar evidencias e contrastar conclusións. Iso é o método científico”.

Mentres, o concelleiro Gorka Gómez salientou o pracer de acoller esta obra no pazo Quiñones de León, “un espazo municipal que o Concello está a poñer en valor no ano do centenario da súa doazón á cidade”.

Do laboratorio ao escenario

Para a adaptación das probas creouse un equipo multidisciplinar integrado por diversos grupos de investigación da UVigo, cuxos integrantes, ademais de encargarse do contido científico da obra, asumirán tamén o papel de intérpretes. O estudantado, dividido en grupos, deberá colaborar co cadro investigador na resolución do caso a través de diferentes probas científicas.

A primeira das probas centrarase na recollida de mostras de ADN, de pegadas e na análise toxicolóxica, nunha actividade deseñada polo grupo de Xenética Evolutiva e Conservación da Biodiversidade. Outra das probas será a de Palinoloxía, coordinada por Celestino Quintela e Nerea Cazás, integrantes do grupo de Análise de Concas Sedimentarias do CIM. A través da recollida e estudo de restos de pole presentes na roupa das persoas sospeitosas, o equipo poderá detectar posibles incursións da natureza na escena do crime e achegar novas pistas que permitan identificar a persoa responsable. A terceira proba xirará arredor do idiolecto e estará dirixida por Guillermo Blanco, do grupo Sistemas Informáticos de Nova Xeración. Co apoio das rapazas e rapaces, analizaranse as distintas formas de falar das persoas implicadas para tratar de achegar luz sobre a autoría do crime.

Coas conclusións extraídas dos distintos experimentos e coa colaboración da señorita Marple, as persoas participantes deberán reconstruír os feitos e descubrir quen foi o responsable do asasinato de Ruby Keene.

Descubrindo a Agatha Christie: contexto, curiosidades e legado literario

O alumnado participante tamén recibirá unha pequena charla sobre a vida e obra da escritora británica Agatha Christie, contextualizando o período histórico no que desenvolveu a súa produción literaria e afondando nalgunhas das súas obras máis emblemáticas e nas personaxes que a converteron na gran dama do misterio, como Hercule Poirot ou Miss Marple. A sesión permitirá poñer en valor a enorme influencia da autora na literatura contemporánea e tamén na súa proxección cinematográfica, ao tempo que se recomendarán lecturas adaptadas a distintos públicos, especialmente ao xuvenil.

Nesta actividade participan membros da Asociación Nacional de Investigación en Literatura Infantil y Juvenil (ANILIJ), que forman parte do grupo de investigación TALES (Translation, Accessibility, Literature, and Screen) e do grupo de innovación docente GTICH da Universidade de Vigo. En concreto, intervirán Helena Cortés, Ana Fernández, Jesús Meiriño, Lourdes Lorenzo, Ana Pereira e Beatriz Rodríguez, especialistas en Literatura Infantil e Xuvenil e na súa tradución nos ámbitos lingüísticos inglés e alemán.

Esta acción forma parte do plan anual de actividades Ciencia de Ida e Volta, que conta coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y Tecnología – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, e coa colaboración do museo municipal Quiñones de León do Concello de Vigo.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego