A Universidade de Vigo presenta o plan ‘Ciencia de ida e volta’

O plan ‘Ciencia de ida’ e volta da Unidade de Cultura Científica (UCC+i) da UVigo acada a súa quinta edición cun programa que introduce novos formatos e contidos, pero cos mesmos obxectivos cos que foi creado: fomentar a cultura científica, impulsar vocacións e dar visibilidade á investigación que se realiza na UVigo. Co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, as actividades desta quinta edición do programa desenvolveranse entre os meses de outubro de 2025 e xuño de 2026 nos campus de Vigo, Ourense e Pontevedra.

Na presentación do programa de actividades, celebrado este luns no edificio Redeiras, a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da UVigo, Mónica Valderrama, destacou as novas accións que se van desenvolver na programación deste ano e que van coincidir coa celebración de varias efemérides como o Día Mundial da Pesca: o do Teatro ou o da Diversidade Biolóxica. “Actividades nas que procuramos a implicación do noso persoal investigador”, dixo Valderrama, que tamén reiterou a importancia de crear vocacións científicas entre as e os máis pequenos. Pola súa banda, as técnicas da UCC+i, Ana Costa e Elena Muiños, lembraron que foron máis de 10.000 as persoas que participaron nas actividades desenvolvidas durante a última edición do programa, ao tempo que destacaron algunhas das novidades da programa deste ano como o teatro inmersivo, un concurso de fotografía e un obradoiro de ilustración científica.

Conta atrás para o inicio da formación Comunica a túa ciencia

As actividades do plan inícianse esta semana, o venres 10 de outubro e continuará o 13, coa formación presencial dirixida á comunidade universitaria (PDI, PI, PTXAS e alumnado) Comunica a túa ciencia. O curso de 10 horas, aberto tamén a docentes e responsables de comunicación externos, inclúe sesións dedicadas a mellorar as habilidades de oratoria, aprender a comunicar ciencia en redes sociais, coñecer o potencial das ferramentas de intelixencia artificial aplicadas á divulgación e, como novidade, dous obradoiros de técnicas teatrais orientados a explorar novas formas de expresión e comunicación creativa.

As sesións estarán a cargo de Tamara Pazos Cordal, comunicadora científica especializada en neurociencia; Óscar Huertas Rosales, bioquímico e divulgador; e Constance Hurlé, directora e intérprete de artes escénicas, que guiará a parte teatral da formación. As persoas interesadas en realizar a formación deberán encher o formulario habilitado na Secretaría Virtual e o número de prazas é de 40, que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición.

Novas temáticas e formatos

Coincidindo coa celebración do seu quinto aniversario, o plan incorpora novas liñas de acción centradas nos grandes desafíos do noso tempo, como o cambio climático, a contaminación e a perda de biodiversidade. Así mesmo, introdúcense formatos innovadores que enriquecerán a programación, entre eles xornadas de teatro inmersivo, exposicións temáticas ou enquisas de percepción social, que permitirán coñecer mellor a relación da cidadanía coa ciencia.

As actividades do plan continuarán a principios do mes de novembro co gallo Día da Ciencia en Galego (4 de novembro), que celebrará a súa segunda edición co obxectivo de poñer en valor a investigación e a divulgación na lingua propia de Galicia. Desta volta, publicarase un novo volume da Escolma de Termos Científicos, que incluirá terminoloxía dos campos da informática, da criobioloxía e da xestión pública, continuando así coa aposta por enriquecer o vocabulario científico-técnico en galego e facilitar o seu uso tanto na comunidade universitaria como nos centros educativos. Ao fío da celebración do Día Mundial da Pesca (21 de novembro), o plan desenvolverá actividades arredor do mar e dos recursos mariños, e manteranse as accións do 11 de febreiro, Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, en colaboración coa Unidade de Igualdade. A programación inclúe ademais entre os meses de marzo e abril, arredor da celebración do Día Mundial do Teatro, unha homenaxe a Agatha Christie, de cuxo falecemento se cumpren 50 anos en 2026. Baixo o suxestivo título Misterio na biblioteca, a actividade unirá ciencia, literatura e artes escénicas nunha experiencia con vocación multidisciplinar que integrará grupos de investigación de diversos ámbitos.

A oferta complétase con proxectos arredor da sustentabilidade e a redución de residuos, como Resto cero, e coa iniciativa A beleza do natural, no mes de maio, que permitirá descubrir e poñer en valor a ciencia vinculada ao medio natural. A feira científica A ciencia que vén, no mes de maio, con talleres e demostracións abertas á cidadanía a cargo de grupos de investigación da UVigo, e o programa Embaixadoras e embaixadores da ciencia e do coñecemento, en xuño, en colaboración co alumnado do Programa Universitario de Maiores (PUM), completan unha programación que combina actividades consolidadas con outras máis innovadoras.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego