Un ano máis, a Universidade de Vigo aposta por descentralizar a divulgación científica e levar a investigación máis aló dos campus universitarios. Nesta ocasión será o mercado-multiusos de Sabarís, en Baiona, o escenario da nova edición, e xavan catro, da expo-feira científica A ciencia que ven ten nome de muller, que terá lugar este venres, 29 de maio. Será a primeira vez que esta iniciativa recale na comarca do Val Miñor, logo de pasar por Lalín, Pontevedra e Vigo en edicións anteriores.
Este luns, o mercado-multiusos de Sabarís acolleu a presentación oficial do evento nun acto no que participaron a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da UVigo, Mónica Valderrama Santomé; a deputada provincial Paula Bouzós Barros; o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, e a concelleira de Educación Nuria Leyenda Gómez.

Durante a presentación, Valderrama incidiu en que a feira mantén o seu compromiso coa visibilización do papel das mulleres na ciencia e coa creación de referentes femininos no ámbito investigador, “por iso unha parte significativa do persoal investigador que participa nesta iniciativa son científicas”, detallou.
A vicerreitora aproveitou a presentación para agradecer “ao Concello de Baiona e á Deputación de Pontevedra a súa colaboración para facer posible esta iniciativa e contribuír a que a ciencia saia da universidade e chegue á rúa”, explicou Valderrama, ao tempo que lembrou que esta actividade forma parte do Plan de Ciencia de Ida e Volta e conta co financiamento da FECYT, dependente do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.
Por primeira vez incorpóranse actividades para o grupo de 3 a 6 anos
Ao longo da mañá do venres, entre as 10.00 e as 13.30 horas, a feira recibirá a visita de diferentes centros educativos de ensino primario e infantil de Baiona, Nigrán e Gondomar. A participación de centros de educación infantil é, precisamente, unha das novidades desta edición, e responde a estrea de diferentes actividades pensadas especificamente para nenas e nenos de entre 3 e 6 anos.
Xa pola tarde, de 17.00 a 20.00 horas, a feira abrirase ao conxunto da cidadanía con entrada libre e gratuíta. “Convidámosvos a achegarvos coas máis pequenas e pequenos da casa”, destacou Valderrama, quen subliñou que “a curiosidade científica esperta dende idades moi temperás”, de aí a incorporación de actividades pensadas para estas idades.
Dos satélites ao microcosmos mariño
Entre as propostas desta edición haberá actividades relacionadas coa criptografía, a química, os océanos, a sustentabilidade, a xustiza con perspectiva de xénero, a intelixencia artificial, a fotónica, as tecnoloxías cuánticas ou a enxeñaría. O público poderá experimentar con materiais intelixentes, descubrir como funcionan os satélites CubeSat, explorar o microcosmos mariño a través do microscopio ou achegarse ao mundo da aeronáutica e da automoción. As crianzas máis novas terán propostas adaptadas, como a Maleta dos Océanos, un taller no que poderán identificar e clasificar residuos atopados nas praias, ademais de identificar diferentes bivalvos e moluscos e simular o seu cultivo.
Tamén como novidade, este ano a feira contará cun posto de Pontenciencia 2026, a feira expositiva de proxectos de investigación escolar organizada polo Concello de Pontevedra coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), no que se presentarán algunhas das investigacións gañadoras desta iniciativa.
Presentación do libro Quero ser investigadora 6
Outra das actividades destacadas da xornada será a presentación do libro Quero ser investigadora 6, que terá lugar ás 18.30 horas no escenario do mercado-multiusos e incluirá unha mesa redonda moderada pola vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, con algunhas das protagonistas da sexta edición do volume.



