Ademais de unirse aos manifestos polo 8M de entidades como a Conferencia de Rectores y Rectoras de las Universidades Españolas (CRUE) e da Red de Unidades de Igualdad de Género para la Excelencia Universitaria (RUIGEU), a Universidade de Vigo realiza unha campaña institucional que neste 8M rende homenaxe ao traballo das mulleres a partir da figura das lavandeiras. Así, a súa imaxe gráfica recolle unha obra da artista e egresada da Facultade de Belas Artes do campus de Pontevedra Xoana Abraira de Bernardo, presentada no seu traballo fin de grao O oficio de lavar. Unha cartografía sensible.
Desde a Unidade de Igualdade da UVigo sinalan que neste 8 de marzo queren recoñecer o papel das mulleres traballadoras que rompen cos estereotipos de xénero a través da figura das lavandeiras.
A figura das lavandeiras
As lavandeiras, subliñan, “desenvolveron un traballo que requiría de gran fortaleza física, xa que non só pasaban longas xornadas na auga fría enxaboando, fregando e clareando a roupa, senón que cargaban con ata 30 quilos de roupa mollada para facer o seu traballo”.
Ademais, en moitos casos, tamén exercían como costureiras, pasadoras de ferro e tecedoras. “Os lavadoiros tiveron un papel importante como espazos de sociabilidade feminina e o oficio sería unha das ocupacións principais das mulleres das clases populares, como traballo remunerado e como tarefa cotiá para a reprodución da vida. Elas foron, e son, figuras de memoria e acción”, comentan desde a Unidade de Igualdade.
Na súa campaña fan un percorrido histórico polo legado das mulleres na vida económica das súas comunidades. Así comeza pola prehistoria, destacando como as investigacións arqueolóxicas e antropolóxicas con perspectiva de xénero revelaron que as mulleres neste período desempeñaban roles fundamentais e diversos nas súas comunidades, ao contrario da visión nesgada que as relegaba a tarefas reprodutivas.
O percorrido da Unidade de Igualdade chega ata o século XX, ás guerras mundiais e como nelas as mulleres asumiron postos tradicionalmente masculinos mentres que os homes estaban na fronte; continúa coa fin destes conflitos, cando moitas destas mulleres foron despedidas e relegadas novamente ao ámbito doméstico, e remata achegándose a como a segunda metade do século estivo marcada polos movementos feministas, que lograron avances fundamentais en dereitos laborais. “Aínda así, no presente persisten desafíos como a fenda salarial, a segregación ocupacional e a precarización de sectores feminizados”, afirman desde a Unidade de Igualdade.
Eventos no marco do 8M
Polo que se refire á programación de actos, alén dos eventos organizados por diferentes centros, grupos ou colectivos da institución académica, a UVigo celebra o seu acto institucional do 8M o xoves 6 de marzo, ás 12.00 h, no salón de graos do Edificio de Ferro do campus de Ourense. Nel participarán Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e Yolanda Rodríguez, directora da Unidade de Igualdade, e nel entregarase o Premio Uviguala 2025. Para abrir e pechar o evento Branca Trigo e Palmira Vicente ofrecerán as súas regueifas feministas. O acto poderase seguir en directo a través da canle 1 de UVigoTV.
Entre os actos que organizarán diferentes membros da comunidade universitaria tamén en Ourense, a Facultade de Dereito celebra o día 7 de marzo a conferencia Só si é si, ou non? Razóns e desrazóns das últimas reformas dos delitos sexuais. Será ofrecida por Patricia Faraldo, catedrática de Dereito Penal da Universidade da Coruña e membro da comisión redactora da Lei Orgánica 10/2022, de 6 de setembro, da Garantía Integral da Liberdade Sexual.