A UVigo pon en valor o traballo das mulleres científicas con ducias de actividades

O Día Internacional da Muller e da Nena na ciencia, que se celebra o 11 de febreiro, marca a axenda de actividades da Universidade de Vigo que busca divulgar e pór en valor o traballo das súas investigadoras e científicas á vez que fomentar a vocación entre as xeracións máis novas. As diferentes propostas están impulsadas principalmente polas propias docentes e investigadoras, os centros de investigación, as facultades e escolas da UVigo, así como pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i), en colaboración coa Fundación Española para a Ciencia e Tecnoloxía (FECYT) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, e a Unidade de Igualdade.

Elas Fan CienTec

A actividade central no campus de Vigo será o programa de obradoiros Elas Fan CienTec, que chega á súa oitava edición e terá lugar o xoves 8 de febreiro. Alumnas de catro institutos da provincia de Pontevedra visitarán varios centros de investigación e facultades do campus para coñecer o traballo que as investigadoras levan a cabo nos seus laboratorios.

eXXperimenta en Feminino

Outra das actividades centrais do 11F na UVigo é a feira divulgativa eXXperimenta en Feminino. VII Xornada de Divulgación en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas. A cita, aberta a alumnado de toda a provincia de Ourense e ao público xeral, celebrarase o día 16 de febreiro entre as 10.00 e as 18.00 horas no edificio Politécnico do campus ourensán e nos seus arredores, onde as persoas que se acheguen atoparán 14 postos nos que poderán realizar experimentos e coñecer as titulacións STEM que se imparten no campus.

Cámara aberta de Cintecx ás mulleres STEM

O Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais, Cintecx, tamén se une a esta efeméride e convida a investigadoras e estudantes do ámbito STEM a contar a súa experiencia nunha ‘Cámara Aberta’, un espazo no que poderán relatar as súas vivencias, tanto da súa etapa escolar como da carreira científica-tecnolóxica. Estas experiencias serán difundidas en formato vídeo co obxectivo de que poidan contribuír a fomentar as vocacións científicas femininas entre as estudantes de secundaria e bacharelato. O evento levarase a cabo do 14 ao 16 de febreiro de 9.00 a 15.00 horas no propio centro.

Conectando en igualdade: a transformación do futuro tecnolóxico

Pola súa banda, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, atlanTTic, tamén se suma á celebración co ciclo Conectando en igualdade, que se centrará na intelixencia artificial e contará coa participación de varias mulleres expertas neste eido que abordarán cuestións relacionadas coa igualdade. Esta actividade, que conta co apoio da Unidade de Igualdade, terá lugar o xoves 22 de febreiro de 11.00 a 13.30 horas na sala 1 do edificio Miralles e tamén se poderá seguir en directo a través de UVigo-TV.

Entrega dos premios GirlGeekPower e Marie Tharp

Coincidindo coa celebración do 11F nas próximas semanas entregaranse os premios GirlGeekPower, impulsados pola Cátedra Feminismo 4.0 DEPO-UVigo e os premios Marie Tharp do CIM. Os primeiros recoñecen alumnas destacadas do ámbito das STEM na Universidade de Vigo como unha forma de incentivar, apoiar e fomentar este tipo de estudos entre as mozas e comprende un primeiro premio e un accésit por cada unha das dúas categorías (Ciencias e Ciencias da Saúde, Enxeñaría e Arquitectura). A data de entrega está por confirmar.

No que atinxe aos Premios Marie Tharp, creados polo Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM), están dirixidos a mulleres investigadoras predoutorais e postdoutorais do centro que quixesen contar o seu traballo nunha peza audiovisual dun minuto de duración. As gañadoras desta segunda edición daranse a coñecer tamén en próximas datas.

Mulleres Nobel en Economía

Para conmemorar esta celebración, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, ten previsto a colocación dun roller para poñer en valor ás mulleres que obtiveron o premio Nobel en Economía. Dos 93 investigadores que recibiron este galardón, soamente tres son mulleres: a estadounidense Elinor Ostrom (2009), a francesa Esther Duflo (2019) e a estadounidense Claudia Goldin (2023). A colocación realizarase o venres 9 de febreiro na entrada do edificio e estará durante varias semanas no centro.

Charla para mulleres do proxecto Non hai fronteiras

A programación complétase coa charla que Verónica Salgueiriño, líder do grupo de Nanomateriais Híbridos do CINBIO, ofrecerá ás mulleres do proxecto Non hai fronteiras, promovido polo Plan Comunitario do barrio de Teis de Vigo o 5 de febreiro ás 17.00 h. No relatorio falaralles do seu traballo como investigadora no ámbito dos nanomateriais magnéticos para aplicacións biorrelacionadas e previamente as participantes tamén terán a oportunidade de coñecer a súa historia a través do libro ilustrado Quero ser investigadora 3 da UCC+i da UVigo.

Charlas e concurso de creación artístisca en centros educativos

A programación do 11F inclúe tamén unha serie de charlas e relatorios que preto de 60 investigadoras da Universidade de Vigo impartirán ao longo da primeira quincena do mes de febreiro en centros educativos de toda Galicia. En total, levaranse a cabo máis de medio cento de charlas e obradoiros presenciais sobre o seu traballo e sobre o papel da muller na ciencia e na tecnoloxía. Estas enmárcanse na Iniciativa 11 de febreiro, que se organiza no ámbito nacional con motivo desta efeméride, e contan co apoio da Unidade de Cultura Científica e da Innovación na súa xestión.

No campus de Ourense, a Facultade de Ciencias, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Escola Superior de Enxeñaría Informática impulsan unha nova edición do Concurso Escolar de Creación Artística do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego