A considerada a primeira muller que ocupou o cargo de almirante na historia da navegación española, Isabel Barreto, protagoniza neste mes de outubro o programa da Deputación de Pontevedra ‘Aquí faltan páxinas’. Este ciclo de relatos sonoros e conferencias naceu da colaboración da institución provincial coa firma O Cable Inglés para dar a coñecer a traxectoria de mulleres galegas extraordinarias relacionadas coa provincia.
Este xoves, 19 de outubro, o Pazo Provincial acollerá a partir das 19:00 horas un faladoiro sobre a traxectoria desta aventureira, descubridora e “adiantada dos mares do sur”, que impartirá a investigadora Eloísa Gómez-Lucena, quen defende a orixe pontevedresa de Barreto. No acto participará a deputada provincial de Igualdade, Sandra Bastos, e estará conducido por Marián Fernández, de O Cable Inglés, coordinadora da colección.
Isabel Barreto de Castro (1567-1612) tivo unha vida fascinante e chea de aventuras pola conquista dos mares do sur ao fronte dunha das expedicións marítimas españolas máis largas do século XVI. Atravesou o Océano Pacífico e foi a primeira en facelo polo hemisferio sur. O seu piloto, Pedro Fernández de Quirós, acusouna de ser cruel ao mando da expedición, pero outros membros da tripulación aseguran que foi unha valente heroína.
O faladoiro estará a cargo de Eloísa Gómez-Lucena, recoñecida investigadora, antropóloga, documentalista e escritora que colabora en diversas publicacións de divulgación histórica e está especializada nos artigos sobre personaxes femininos dos séculos XVI e XVII e que sostén que Barreto naceu en Pontevedra e probablemente foi bautizada na basílica de Santa María a Maior. Licenciada en Filosofía na especialidade de Antropoloxía e diplomada en Arquivo, Biblioteconomía e Documentación, Gómez-Lucena ten escrito varias obras, entre elas “Españolas do Novo Mundo”, un compendio de 38 ensaios biográficos de mulleres que desenvolveron algunha labor singular en América nos séculos XVI e XVII, ou o libro de viaxes “Do Atlántico ao Pacífico”, que narra as experiencias da súa estadía polo sur de Estados Unidos e o norte de México, froito do proxecto “Investigación e reconstrución histórica da viaxe de Álvar Núñez Cabeza de Vaca polos actuais Estados Unidos y México”, que desenvolveu para o Ministerio de Cultura.
En podcast
Ademais da conferencia, a historia de Isabel Barreto estará tamén dispoñible a partir do xoves no podcast de “Aquí faltan páxinas” (nas principais plataformas de streaming e no sitio web da institución provincial). O proxecto “Aquí faltan páxinas” inclúe unha antoloxía de 12 podcasts, un por cada mes deste 2023, para pór en valor os logros de María Soliña, Elisa Patiño, Olimpia Valencia, Maruja Mallo, Concepción Arenal, Antonina Sanjurjo, María Vinyals, Ernestina Otero, Ángeles Alvariño, Isabel Barreto, Carolina Otero e Sofía Novoa.