A toponimia dos camiños de Santiago, xa a disposición de todos os públicos

A Real Academia Galega (RAG) recolle nun novo volume do Seminario de Onomástica case trinta traballos sobre os nomes de lugar das rutas xacobeas de investigadores de diversas universidades europeas. ‘Os camiños de Santiago, de Europa a Galicia. Lugares, nomes e patrimonio‘, dispoñible en copia dixital, reúne as reflexións expostas no congreso internacional co mesmo título que a institución organizou o pasado mes de setembro en Santiago de Compostela. As achegas parten de distintas zonas xeográficas, diversos períodos cronolóxicos, de material literario ou de documentacións históricas, e comparten unha consciencia común da importancia da toponimia como parte do patrimonio inmaterial, salientan as responsables da edición do libro, a académica de número Ana Boullón e a académica correspondente Luz Méndez.

O estudo da toponimia xacobea é unha forma de contribuír á súa preservación e mais á divulgación da súa significación, tanto no plano semántico coma histórico ou sociolingüístico. “Os lugares polos que transcorre o Camiño de Santiago poderían mostrar información para o peregrino, o viaxeiro ou os propios habitantes de todos estes aspectos, e as novas tecnoloxías poden contribuír a facelo, como a proposta de realizar unha aplicación baseada en códigos QR para difundila”, suxiren as académicas.

As contribucións compiladas no volume amosan que, en xeral, hai poucos topónimos específicos xacobeos, entre os que poden citarse, cun criterio amplo, Francos, Peregrinos, Romeu, Milladoiro, Hospital ou Monte do Gozo.  O nome de Santiago chegou mesmo ao léxico común: a voz chaqueta deriva en última instancia de jacquet, o apelativo dado en francés ao peregrino, lembra o académico de número Gonzalo Navaza no artigo que dedica ás etimoloxías xacobeas. O profesor da Universidade de Vigo desbota con argumentos convincentes na súa contribución a moi difundida etimoloxía popular (‘campo da estrela’) e reafirma a súa orixe en composĭta ‘a ben composta’, como se glosa en varias crónicas medievais, co sufixo diminutivo -ĕlla.

 

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego