Casa Rodríguez, a taberna da familia de Xosé A. Touriñán na parroquia de Castelo (Culleredo), reabr¡u xa as súas portas, marcando o inicio dun novo verán de actividades na parroquia e a conta atrás para a décimo primeira edición do Castelo Conta.
Durante décadas, Casa Rodríguez supuxo para Castelo e a súa veciñanza moito máis que unha taberna ao uso. Foi ultramarinos, lugar de encontro e un dos espazos máis importantes da vida social de Castelo. Alí compartíanse conversas, celebrábanse festas e construíanse moitas das relacións que deron forma á vida da parroquia.
Tras o seu peche en 2017, o Castelo Conta recuperou este espazo para devolvelo á xente da parroquia e da contorna, converténdoo de novo nun punto no que facer comunidade, aberto durante o verán. Hoxe, a taberna é un dos lugares máis emblemáticos do festival e tamén o primeiro espazo no que comeza a sentirse o ambiente do Castelo Conta, semanas antes da súa celebración.
Ata o 23 de agosto, a taberna abre de martes a xoves entre as 10:00 e as 23:00 h, e de venres a domingo ata a 1:00 h da madrugada, permanecendo pechada os luns. Ao longo do mes de agosto, Casa Rodríguez volve acoller unha programación paralela ao festival Castelo Conta, que se irá anunciando progresivamente. Entre as citas máis especiais está A Eclipse en Castelo, o 12 de agosto, unha xornada especial para seguir o fenómeno que rematará cunha cea popular e o concerto de BÖJ.
E, como xa é tradición, durante a semana do festival regresarán os Vermús na Taberna, unha das citas máis recoñecibles do Castelo Conta. Cada mediodía, a taberna converterase nun espazo para compartir música en directo, gastronomía e conversa, reunindo artistas, veciñanza e público arredor das barras de Casa Rodríguez.
A programación de Casa Rodríguez irase completando nas vindeiras semanas con novas actividades para todos os públicos. Como cada verán desde hai xa tres anos, a reapertura de Casa Rodríguez supón tamén a continuación do que sempre fixo: reunir á xente arredor dunha celebración.
Nós Televisión gravou un programa de videopodcast #OVagon co humorista e actor, veciño de Castelo, Xosé A. Touriñán hai uns meses, no que nos falaba da taberna Casa Rodríguez e tamén da importancia da vida neste lugar. Podes ver a conversa completa co xornalista Luís Pardo aquí.



