A taberna da familia de Touriñán, punto de encontro cultural e social este agosto

A parroquia de Castelo, no concello coruñés de Culleredo, convértese este mes de agosto, un ano máis, en exemplo de festa participativa e con programación cultural para todas as idades.

O Castelo Conta celebra este ano a súa décima edición, cunha completa axenda de actividades, concertos, teatro, contos, campamento infantil e moita conversa para grandes e pequenos do 22 ao 31 de agostoPodes consultar todos os horarios e propostas para cada día aquí. 

Antes deses días e xa desde inicio de mes, a Casa Rodríguez, taberna que foi da familia de Xosé A. Touriñán e que leva anos pechada, ten as portas abertas en Castelo en horario continuo, de 10.00 a 23.00, e os venres e sábados ata a 01.00, como espazo para compartir, para parar un intre e para deixar que as historias sigan fluíndo arredor dunha mesa. Durante os días do festival terá un horario especial e acollerá as sesións vermú, con petiscos elaborados por cociñeiros galegos convidados. Pero xa antes do festival, a taberna acende motores cunha programación cultural chea de propostas singulares.

A inauguración celebrouse o pasado venres 1 de agosto coa estrea do himno do festival, unha canción escrita Sés sobre Castelo. Este venres, 8 de agosto, será unha tarde para toda a familia, coa celebración de Os xogos do Paporrubio e a actuación de Cé Orquestra Pantasma.

A seguinte semana as aldeas de Castelo serán protagonistas dun ciclo de andainas para a recuperación da microtoponimia da parroquia, nun proxecto financiado pola Deputación da Coruña que permitirá ás veciñas e veciños poñer en común os nomes de cada camiño, leira ou prado, para nutrir un gran mapa colectivo do lugar.

O martes 12, pola noite,  soará a música de Silvarredonda, e o domingo 17, ás 19.00, a música tradicional volverá con forza grazas ás agrupacións folclóricas Arnela (Carral) e Ancoradoira (Culleredo).

A programación deste primeiro tramo de agosto pecharase o mércores 20 cunha cata vos viños de Vía Romana e a música en directo de Carabela.

Casa Rodríguez será moito máis ca unha taberna este verán: será casa aberta, punto de encontro e escenario de historias cotiás que tamén merecen ser contadas. Un lugar para celebrar o que nos une antes, durante e despois do Castelo Conta.

Hai uns anos, Nós Televisión, da man de Xosé A. Bocixa, entrevistou a Touriñán na propia Casa Rodríguez. Na conversa, o actor fala sobre a importancia deste espazo na súa vida e tamén sobre Castelo e a súa veciñanza. Recuperamos o vídeo nestes días. 

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego