A sociedade galega defende en Compostela a necesidade de protexer a lingua galega “en todos os ámbitos da vida”

A sociedade galega saiu este domingo ás rúas de Compostela para defender a vitalidade da lingua galega, así como da necesidade de protexela e defendela “en todos os ámbitos da vida”.

A marcha partiu ás 12h da Alameda e rematou nunha praza da Quintana ateigada, ante a que interviñeron a presidenta da asociación na defensa do galego de Asturas, Axuntar, Natalia Jardón; a presidenta da Asociación de Actrices e Actores de Galicia, AAAG, Eva Fórneas; a coordinadora de Queremos Galego, Celia Armas; e o voceiro da plataforma en defensa da lingua, Marcos Maceira, quen recordou que “esta forza colectiva é a dun pobo orgulloso e digno que non se rende na defensa da súa lingua”, como fixo tamén Begoña Caamaño, homenaxeada pola Real Academia Galega este 17 de maio, “escribindo, falando e saíndo á rúa sempre que fixo falta con todas e todos nós, para virar o rumbo que teñen marcado para a nosa lingua”.

Maceira asegurou que, despois de cada mobilización, a Xunta anuncia un novo plan para o galego” e advertiu que “seica agora anuncian que terán para xuño de 2026 o que hai un ano ían ter para decembro de 2025”. “Ocultan con descaro que o goberno de Rueda leva dous anos reforzando a exclusión do galego, con medidas inéditas na historia autonómica”, denunciou, “agochándose detrás da suposta revisión dun Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega que leva 20 anos aprobado e que nunca quixeron aplicar”.

O voceiro de Queremos Galego denunciou que, lonxe de loitar contra a emerxencia lingüística, o goberno galego acelera os seus efectos, reforzando os límites que temos para usar a nosa lingua en todos os ámbitos e momentos, con accións como o decreto que prohibe a lingua galega no ensino, o boicot á súa oficialidade na UE ou á súa presenza na UNESCO, a aceptación da súa eliminación na TVG ou a eliminación da área de promoción da lingua nada máis chegar ao goberno de Lugo.

“Reverter a emerxencia lingüística e avanzar na normalización do galego é posíbel”, defendeu Maceira, “levantando as restricións ao seu uso e presenza no ensino, nos servizos públicos, no ámbito socioeconómico, na cultura ou nos medios de comunicación”. “Niso estamos a traballar centos de colectivos a través do Protocolo Lingua vital”, afirmou, “un pacto social con case 300 accións posíbeis, viábeis e realistas”. “Este é o verdadeiro pacto polo idioma e non é de ninguén”, concluiu, “porque é de todas e de todos os que queremos asegurar o futuro para Galiza e a súa lingua”.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego