A Coruña ven de acoller con éxito a pasada semana a V Semana do Cinema Galego, a gran celebración cinematográfica non competitiva do país, que do 19 ao 24 de marzo exhibiu o máis salientable da produción audiovisual galega do último ano. Un total de oito filmes -os finalistas e gañadores dos XXII Premios Mestre Mateo celebrados este pasado fin de semana- foron proxectados no Teatro Colón ao longo de seis días que concluían cunha sesión especial: a ofrecida pola Banda Municipal de Música interpretando en directo as Bandas sonoras dunha selección de imaxes de cinema galego.
Nesta quinta edición, a Semana do Cinema Galego consolidouse na súa aposta de volver a mostrar ao público, en aberto e en pantalla grande, os filmes máis valorados do audiovisual galego do último ano, finalistas e vencedores da recente edición dos Premios Mestre Mateo. O evento reuniu no Teatro Colón da Coruña a unha media de máis de 300 espectadores por xornada.
Asimesmo, a programación da boa conta da excelente saúde do noso audiovisual, mostrando a súa riqueza e variedade para todos os públicos. A V Semana do Cinema Galego incluíu oito traballos finalistas dos XXII Premios Mestre Mateo que concede a Academia Galega do Audiovisual nas categorías de mellor longametraxe de ficción e mellor documental. O acceso a todas as proxeccións do encontro foron de balde, con entrada libre ata completar a sala.
Colleita anual do mellor cinema
Con esta nova cita, a Semana do Cinema Galego consolidouse como mostra consagrada ao talento máis próximo, co foco na complicidade co espectador. Unha ocasión que reuniu as películas que fixeron historia nestes últimos meses e que en total sumaban 45 candidaturas aos máximos galardóns do audiovisual galego.
A Semana do Cinema Galego está impulsada pola Academia Galega do Audiovisual (AGA) e contou co apoio do Concello da Coruña e da Deputación da Coruña. Toda a información sobre a iniciativa pódese consultar na web https://semanadocinemagalego.gal/.