A cervexería artesá ten a súa cita obrigada en Galicia, o Portomarín BeerFest que este ano chega á súa segunda edición e que, co impulso da Deputación de Lugo, chegará esta fin de semana á localidade.
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e o organizador do Portomarín BeerFest, Manuel Pombo, presentaron no Pazo de San Marcos a segunda edición desta feira, que se celebrará esta fin de semana na Praza do Camiño da localidade coa colaboración un ano máis da entidade provincial que achega un importe económico de preto de 2.500€ para a organización e difusión do evento.
Na presentación, o organizador do festival explicou que, nesta segunda edición do Portomarín BeerFest, os asistentes poderán catar ata 60 tipos de cervexas artesanais diferentes, coa presenza de marcas a nivel nacional e internacional.
Ademais dos postos coas billas de cervexa e postos de comida, o programa da cita conta cunha grande variedade de actividades para o desfrute en familia e para todo tipo de público. Ofrecerá degustacións de cervexa, talleres de elaboración de cervexa, degustación de whisky, e un encontro de coleccionistas de artigos de cervexa de toda España. O festival contará tamén coa presenza de Octavio Almeida Costa, organizador das Feiras Internacionais da Cerveixa Caminha e Porto, eventos de referencia a nivel europeo. Un feito, sinalou Manuel Pombo, “que nos axudará a ter máis visibilidade e ampliar os contactos con fábricas estranxeiras das que xa temos confirmadas a súa presenza na futura edición 2024, de países como Inglaterra, Grecia ou Croacia”.
Polo Portomarín BeerFest pasarán tamén outros destacadas personalidades e divulgadores da cultura do mundo da cervexa, como os arxentinos Vicky de Pau e Ricardo Aftyka da coñecida e premiada fábrica, Juguetes Perdidos.