Os campionatos e exhibicións da Festa do Melindre alzan por todo o alto a nosa repostería tradicional. O evento de Foz integra o XV Campionato internacional de baristas, o X
Campionato internacional de cata de cafés e o IX Campionato internacional de baristas para profesionais.
Quentando motores
Como promoción previa, impartiuse unha masterclass de repostaría tradicional no IES de Foz, dirixida ao alumnado do Ciclo medio de cociña e gastronomía e o do Ciclo superior de dirección de cociña para amosar como se elabora a repostaría tradicional de Melide, con Alberto Rodríguez, presidente da Asociación Melide Terra Doce.
A actividade formou parte da promoción previa que o concello de Melide fai na localidade mariñá como programa previo do Campionato internacional de baristas. O multievento internacional de Foz é o principal campionato da península, do que saen os mellores baristas, e no que se poderán degustar os melindres de Melide. É unha cita de referencia, impulsada pola Escola de Hostalaría, na que participarán alumnos de quince escolas de hostalería de diferentes comunidades autónomas; catorce no certame de cata e outros catorce no de baristas.
Promoción da Festa
O Concello de Melide continúa así no mes de febreiro unha intensa campaña de promoción da 31.ª Festa do Melindre, que se celebrará o 13 e 14 de maio, tras o seu paso no mes de xaneiro por Santiago, Madrid e Portugal. A festa do melindre promocionouse o pasado mes xunto cos doces típicos da vila en paralelo en Portugal, coa presenza na EPRAMI, a Escola Profissional do Alto Minho Interior, en Monçao, no distrito de Viana do Castelo, coa presenza conxunta do alumnado da EFA A Cancela de As Neves e da escola de panadaría da localidade portuguesa. Tamén en Santiago de Compostela con obradoiros, catas e maridaxes cos Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia. E finalmente en FITUR, presentando o novo material promocional da Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional, realizados en inglés, castelán e galego. A cita madrileña contou coa presenza tanto do
rexedor da vila como de Xosé Igrexas, concelleiro de Promoción Económica, que celebraron varias reunións de traballo orientadas a dar a coñecer tanto a festa como o turismo no Concello de Melide.