A Guía de nomes galegos xa está dispoñible na web da Real Academia Galega. Trátase dun recurso en liña que recolle a forma estándar de máis de 1.500 antropónimos que forman parte da tradición galega, moitos deles dende a Idade Media. Cada entrada explica a orixe e o significado do antropónimo, achega a historia ou as lendas dos personaxes que primeiro o levaron ou que o fixeron popular e recompila as correspondencias con outras linguas, entre outra información. O recurso complétase cunha listaxe de nomes femininos e outra de masculinos descargables.
A Guía de nomes galegos é un traballo do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega coordinado por Ana Boullón Agrelo. “A finalidade principal desta obra é dar a coñecer á comunidade galega as formas estándares dos nomes persoais; esta ferramenta permitiralle galeguizalos ou escollerlles nomes ben xeitosos para as fillas ou fillos”, explica a académica de número.
A Academia agarda ofrecer proximamente unha guía de apelidos, na que vén traballando dende hai tempo o Seminario de Onomástica.