‘A Ramona pequena vai á Lúa’, o novo libroQR de Pakolas

O artista Paco Cerdeira, ou máis coñecido polo seu nome artístico ‘Pakolas’, presenta o seu novo disco – o terceiro en solitario-, ‘A Ramona pequena vai á Lúa’, editado pola Editorial Galaxia dentro da colección Sonárbore.  Nesta ocasión a editorial chega con novidades no formato, editando en LibroQR este novo álbum musical, que contén dez novas cancións e tamén un conto.

SOBRE O LIBRO-QR
Viaxa coa Ramona pequena dende os seus pensamentos ata a Lúa, dende as súas inquedanzas ata as súas xenialidades e dende o seu maxín ata onde queiras chegar. Quebra os límites con nós nesta nova aventura rockeira!

En Abril de 2023 sae editado terceiro traballo en solitario de Pakolas, “A Ramona Pequena vai á lúa” (Ed. Galaxia), unha nova entrega das historias da súa labrega inventora favorita, Ramona Órbita, e desta volta a máquina do tempo lévanos á súa infancia.

Corría o ano 1967 no Courel e Ramona contaba con 6 aniños. Era unha nena movida por constantes inquedanzas, cunha mente esperta e imaxinativa. Adoraba perderse entre as páxinas de Xulio Verne, «A volta ao mundo en 80 días», «20 mil leguas de viaxe submarino», «Viaxe ao centro da terra» e sobre todo un que lle espertaba a máis grande das curiosidades, «Da terra á lúa», que lía unha e outra e outra vez. A Lúa era para ela unha fonte imparable de preguntas sen resposta: que tipo de leiras habería nela? Poderíase cultivar na súa superficie? Habería auga? Viviría alguén aí? Saberían, ou polo menos entenderían o galego? Sería máis grande que o Sol?

Moitas personaxes poderedes coñecer neste novo álbum, que tamén estrea espectáculo rockeiro ao vivo, como a profe Lupe, que sempre escoitaba atenta as dúbidas da pequena, ou á súa amiga furona Nora, coa que consigue viaxar ata a Lúa! Con estas e outras personaxes chegaremos á fin desta viaxe, que nos ensina que a imaxinación non
ten límites, a nosa cabeza é un taller de ideas onde os soños poden tornarse realidade.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego