A RAG abre unha “fiestra virtual” para celebrar os 60 anos do Día das Letras Galegas

A festividade do Día das Letras Galegas cumprirá este 17 maio sesenta anos. O aniversario coincidirá co Día das Letras Galegas do seu principal promotor, Francisco Fernández del Riego, quen o 20 de marzo de 1963 presentaba na Real Academia Galega, co apoio dos tamén académicos de número Gómez Román e Ferro Couselo, a proposta de crear unha “xornada oficialmente adicada a honrar os nosos libros”. Seis décadas despois, a Real Academia Galega (RAG) bota a vista atrás e fai memoria da evolución da conmemoración, edición a edición, abrindo unha fiestra virtual que “quere ser unha mostra cronolóxica do que consideramos o grande acontecemento cultural de Galicia”, expresa o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, na presentación do espazo.

“Unha fiestra virtual”

A mostra virtual, composta fundamentalmente por documentos conservados na propia Academia, a Fundación Penzol e a editorial Galaxia, comeza co documento da proposta da creación do Día das Letras Galegas presentada ante á RAG polos tres académicos e dúas fotografías históricas daquela primeira edición: a da visita que, con motivo da conmemoración, lle fixeron os membros da Academia a Gala, filla de Rosalía, na súa casa da rúa de Santo Agostiño da Coruña, e mais a duns novísimos Salvador García-Bodaño, Carlos Casares, Arcadio López-Casanova e Xohana Torres no salón artesoado de Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela, onde os catro poetas participaron no recital posterior á conferencia sobre a autora que impartiu Ricardo Carballo Calero.

As imaxes escolmadas dan conta de como a iniciativa prendeu con éxito e adoptou distintas formas de expresión por todo o país. E tamén na diáspora: unha delas inmortaliza a segunda edición das Letras Galegas, a dedicada a Castelao, na Casa de Galicia de Nova York, outra reproduce o programa do Centro Gallego de Buenos Aires co gallo do 17 de maio de Francisco Añón (1966) e unha terceira reproduce a adhesión do alcalde da localidade portorriqueña de Mayagüez á celebración do Día das Letras Galegas en 1975, que xirou arredor de Xoán Manuel Pintos. As fotografías internacionais comparten espazo con feiras do libro e festas populares como a organizada no parque de Santa Margarida da Coruña nas Letras Galegas de López Ferreiro (1978), manifestacións a prol da lingua, discursos institucionais, descubertas de placas conmemorativas, ofrendas florais aos homenaxeados por toda Galicia e unha notable escolma de carteis, entre os que destacan os creados por Xohán Ledo para Galaxia.

A mostra remata, polo momento, con outros dous exemplos da pegada das Letras Galegas na expresión plástica: os murais dedicados a Xela Arias e Florencio Delgado Gurriarán nas súas localidades natais, Sarria e Vilamartín de Valdeorras, co gallo das Letras Galegas de 2021 e 2022, respectivamente. Tras o vindeiro 17 de maio, a galería incorporará as imaxes das Letras de don Paco, pero entrementres Fernández del Riego xa aparece nela recordando a figura de Eduardo Pondal, no acto académico celebrado en 1965 na sede da Reunión Recreativa de Artesáns da Coruña, e mais o seu amigo Luís Seoane no Día das Letras Galegas de 1994.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego