As entidades profesionais da cultura ganan espazo no Culturgal 2022

A decimo quinta edición do Culturgal comezará este xoves, día 24 de novembro, cunha programación que marca unha das novidades deste 2022: a aposta pola profesionalización da cultura. Un dos obxectivos do Culturgal céntrase na mellora da programación da Feira para as entidades e profesionais que, nesta edición, contará cun espazo físico propio no recinto feital con faladoiros, mesas redondas, obradoiros, sesións formativas, fotos e presentacións de informes.

Espazo Profesional

O propio xoves, aínda que restrinxida a profesionais con convite, arranca este programa coa xornada profesional de Promoción Escénica e Musical de Galicia, que organizan Escena Galega e AGEM coa colaboración da Xunta de Galicia. Venres 25, sábado 26 e domingo 27 o Espazo Profesional será un continuo de encontros para empresas e profesionais. No programa atopamos propostas da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Consello da Cultura Galega, Asociación de Directores de Escena de España, A Colectiva, Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación, Academia Galega do Audiovisual, Música no Claustro e a Xunta de Galicia a través de Agadic.

A organización da Culturgal convida a todas as persoas interesadas a preinscribirse previamente nas actividades na web cultur.gal. O Espazo Profesional tamén será o escenario do acto de celebración do 15 aniversario da Feira, o domingo a mediodía.

’15 anos cos fíos da Cultura’

A programación do Culturgal, que este ano celebra o seu aniversario co lema ’15 anos cos fíos da Cultura’, encherá o Pazo da Cultura de Pontevedra ata o 27 de novembro con actividades que xirarán, entre outras, arredor do mundo editorial.

Culturgal reunirá os nomes protagonistas da creación literaria do país como, por exemplo, premios moi recentes no ámbito estatal como Marilar Aleixandre ou Ismael Ramos estarán nunha Culturgal chea de narrativa, poesía e ensaio, asi como de presentacións de novidades, coloquios, encontros coa comunidade lectora e sinaturas nos stands das editoriais e librarías. Juan Tallón, Berta Dávila, Carlos Callón, Bibiana Candia, Antía Otero, Pepe Cáccamo, María Solar ou Fran P. Lorenzo son algúns dos nomes protagonistas do programa libro, no que tamén atopamos o sábado 26 a homenaxe a Helena Villar Janeiro polos seus “50 anos de poesía e compromiso”.

Espazo arte: sorprender ao público

Artistas, galerías e público daranse cita na Culturgal no Espazo Arte, instalado na Sala de Exposicións do Pazo da Cultura. Coa idea de sorprender e ofrecer os visitantes unha experiencia ao vivo na que se mistura a palabra a través da improvisación teatral, o circo a través do traballo de funambulismo, a danza contemporánea, a intervención espacial e o público que participa na peza, formúlase Multiperspectivas#2 de Paula Quintas, con dous pases na mañá do domingo, para todos os públicos.

Durante toda a Feira poderá visitarse a exposición Continuo de Alberto Pena, comisariada por Elena Bangueses e que trae ao Espazo Arte unha instalación pictórica que cobre practicamente a totalidade da parede exposiitiva. “Unha escala sublime”, en palabras da comisaria, que deixa ver as pulsións creativas do artista ao redor da natureza.

Público familiar e infantil

Ao longo das quince edicións da Culturgal, o público familiar e infantil converteuse nun dos máis fieis protagonistas da Feira. Na tarde do venres 25 arrancará a proposta dirixida a este público que comprende máis de trinta actividades. Co obxectivo de promover unha maior participación, a organización da Feira inclúe un bo feixe de obradoiros para nenas e nenos, que estarán moi activos e ocupados no Pazo da Cultura de Pontevedra. As prazas nos obradoiros son limitadas e as familias terán que inscribirse na área de recepción da Feira.

Cinema galego

A programación de cinema da Culturgal é unha proposta de AGAPI na que se recollen un conxunto de títulos destacados na produción audivisual galega do ano. Algúns deles xa teñen percorrido feito, outros chegan a Culturgal antes de introducirse nas salas de cinema. Este é o caso do filme de Ángeles Huerta “O corpo aberto”, que tras pasar por certames como a Seminci, chega a Culturgal o venres 25 antes de entrar no circuito comercial. Unha oportunidade do público para ver o filme e poder conversar co seu equipo, con actores como Tamar Novas e Federico Pérez. O cinema continuará todo o fin de semana con diferentes xéneros e propostas para todas as idades: “Valentina” de Chelo Loureiro, “Unicorn Wars”, de Alberto Vázquez, “Eles transportan a morte” de Samuel L. Delgado e Helena Girón, “A virxe roxa” de Marcos Nine, “Welcome to ma maison” de Andrés Goteira e “O gran Camiño”, de Alba Prol e Raúl García, completan a carteleira de cinema da Culturgal 2022. O acceso ás películas está incluído na entrada xeral da Feira.

As noites Culturgal son talento

Os espectáculos especiais da Culturgal 2022 teñen lugar nas noites do venres 25 e sábado 26, ao redor do talento actual no mundo do baile e da música. Culturgal danza no seu décimo quinto aniversario. Faino o venres 25 de novembro cun espectáculo dobre que pon ao límite a linguaxe corporal. Nova Galega de Danza, compañía de referencia na danza galega do século vinte e un, trae á Feira “Credo”, peza na que bota man da poesía de Celso Emilio Ferreiro para acompañar o camiño vital do ser humano. Ademais, o porriñés Daniel Rodríguez presenta na Culturgal “A raiz de”, proxecto premiado en SóLODOS En Danza Ourense 2022.

O sábado 26, tamén pola noite, Culturgal vai de festival. Catro propostas rebordantes de enerxía e talento, ao vivo no escenario do Pazo da Cultura de Pontevedra o 26 de novembro para celebrar os 15 anos da Culturgal. Antía Muíño, Néboa, Berto e Grande Amore toman a Feira como un furacán pechando un ano que, sen dúbida, é o seu ano. Electrónica, pop, tradi. A diversidade da música galega de hoxe nunha sesión única e singular que se denomina #CulturgalSon15. Unha proposta de AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais) para a 15ª Culturgal. As entradas para ambos espectáculos poden adquirirse en cultur.gal a un prezo final de 8 euros, que inclúe, ademais, a visita a Feira.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego