A portuguesa Susana Nobre, protagonista nesta edición de Novos Cinemas

A sétima edición de Novos Cinemas celebrarase entre os próximos 13 e 18 de decembro en Pontevedra. A cineasta, guionista e produtora Susana Nobre, visitará a cidade como protagonista da sección FOCO. Nobre, unha figura a reivindicar no efervescente panorama do cinema luso contemporáneo, é autora de tres curtametraxes e cinco longametraxes cunha relevante recepción no circuíto de festivais internacionais, a realizadora compartirá cos asistentes a súa concepción do cinema e protagonizará un encontro aberto ao público no que falará da evolución da súa obra e amosará imaxes inéditas da súa última longametraxe, Cidade Rabat.

Deste xeito Novos Cinemas presenta o primeiro monográfico dedicado á obra cinematográfica da realizadora, guionista e produtora lisboeta, no que se poderán ver varios dos sus filmes como O que pode um rosto (2003) ou Lisboa-Província (2010), Provas, Exorcismos (2015) ou No Táxi do Jack (2021).

Filmes de apertura e clausura

En canto ás proxeccións de APERTURA e CLAUSURA, o cineasta aragonés Raúl Capdevila inaugurará o festival, o martes 13 de decembro, estreando en Galicia a súa primeira longametraxe, Los saldos (2022), un documental de produción galega estreado mundialmente no prestixioso certame helvético Visions du Réel, no que colisionan os conceptos de granxa e macro-matadoiro.

O arxentino Santiago Fillol collerá a testemuña e pechará o certame, o domingo 18 de decembro, con Matadero (2022), unha obra intensa sobre a loita de clases durante a rodaxe dun documental na Pampa no 1974.

O festival Novos Cinemas, que está organizado pola Asociación Cultural Novos Cinemas e Matriuska Producciones, conta co financiamento do Concello de Pontevedra, a Xunta de Galicia a través da Agadic, a Deputación de Pontevedra, a Universidade de Vigo e o ICAA.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego