MARÉ, festival de músicas e artes atlánticas, proporalle ao público da súa quinta edición unha viaxe continental entre a rave, a foliada e o club de jazz grazas ao concerto de A Pedreira, que o sábado 28 de setembro ás 19.00 horas actuará no Teatro Principal para presentar o seu segundo disco en solitario, Basal.
Trátase dun espectáculo que pivota entre o amor pola sonoridade e o significado das palabras, dous piares que caracterizan a obra de Ugia Pedreira no seu conxunto. En MARÉ dará a coñecer Basal nun directo no que estará acompañada cunha banda que fusiona sons de Cuba, Galicia e Brasil ao contar sobre o escenario co músico cubano Alejandro Vargas, co brasileiro Mauricio Caruso e coa galega Lorena Cachito. Ademais, a sesión completarase coa actuación previa da cantautora oaxaqueña Laura Itandehui.
As entradas para o concerto de A Pedreira, e tamén para o resto da programación, están á venda xa na páxina web do festival: www.maré.gal.
Sés, 26 de setembro
Outro dos grandes nomes da música de Galicia que actuará este ano en MARÉ será SÉS, que ofrecerá un concerto en formato trío o vindeiro xoves 26 de setembro, tamén no Teatro Principal. O seu escenario encherase coa súa excepcional capacidade artística e co seu carisma para percorrer un repertorio que inclúe unha incontestable carreira de 13 anos e 8 discos. A estética ecléctica que a caracteriza, que combina influencias tradicionais cos múltiples e diversos estilos do que se foi nutrindo, protagonizará unha velada na que, ademais, Galiza e Palestina se unirán a través da música.
Dende Palestina
Xusto antes da actuación de SÉS, subirá ás táboas do Principal Ál Azar, un trío que fusiona influencias da palestina Rawan, do boliviano El Zuri e do alemán Tony. Inicialmente, esta formación reunírase para apoiar a Rawan en actos benéficos despois dos eventos acontecidos en Palestina en outubro de 2023. Este ano decidiron dar un paso máis e crearon esta banda, iniciando así un proceso de experimentación e creación sonora. O seu traballo en conxunto xira ao redor do folclore árabe e mais do palestino aos que lles engaden, de xeito contemporáneo, a diversidade artística de cada un dos integrantes de Al Ázar.
En definitiva, Al Ázar cre no rol da tradición e o folclore palestino e na documentación da historia, polo que busca revivila cun xiro moderno. Ademais de reimaxinar a tradición musical, Al Ázar amosa composicións propias, ofrecendo así unha perspectiva fresca e persoal.
A esencia do MARÉ
O Festival MARÉ, promovido por Nordesía co apoio de institucións como a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña ou o Concello de Santiago e mais entidades como Estrella Galica, celebra a diversidade cultural e lingüística, promovendo a conexión emocional entre diferentes comunidades artísticas. É unha plataforma de intercambio cultural onde artistas de todo o mundo comparten as súas visións creativas e inspiran colaboracións. Cada edición destaca temáticas como a inclusión social, o feminismo, a diversidade sexual e a sustentabilidade ambiental.
MARÉ intégrase coidadosamente coa cidade de Santiago de Compostela, usando espazos emblemáticos tanto ao aire libre como interiores, creando un ambiente íntimo e accesible para o público. Tamén promove a cultura local, ofrecendo unha plataforma para que talentos locais compartan escenario con artistas internacionais. O cartel deste ano inclúe máis de 30 bandas, destacando propostas tan diferentes como son as de Sumrrá&Niño de Elche, Albert Plá & The Surprise Band, Francisco, el Hombre, Ana Lua Caiano, o espectáculo Ultranoite na MARÉ do grupo Chévere ou o concerto homenaxe dende a lusofonía a José Afonso Lá no Xepangara.