A oitava edición do ‘Quero cantar’ volve apostar polo talento musical da mocidade

O prazo de presentación de maquetas rematará o 14 de marzo

Coa intención de promover e difundir o uso da lingua galega e a creatividade poética e musical entre a rapazada e a mocidade, a área de Cultura da Deputación da Coruña convoca o VIII Concurso Quero Cantar de música infantil e xuvenil. O prazo de presentación de maquetas rematará o 14 de marzo, e a gala de finalistas que decidirá os gañadores, o domingo 6 de abril no Teatro Colón da Coruña.

Poderán participar calquera grupo ou solista que presente a maqueta dunha canción en galego, con letra e música orixinais e inéditas, en calquera das dúas categorías a concurso: infantil (ata 12 anos) e xuvenil (de 13 a 16 anos).

O programa formativo Quero Cantar 2025, para a proposta vencedora na categoría xuvenil, inclúe unha titoría creativa para o desenvolvemento dunha canción, impartida por un ou unha artista de recoñecida traxectoria na música galega; unha residencia de tres días, nun espazo determinado pola Deputación, entre a persoa ou persoas que compoñan a proposta seleccionada e a persoa encargada da titoría, na que se realizará un último ensaio coa canción creada e os gañadores gravarán o tema nun estudio profesional; e o obradoiro ‘Kit de supervivencia para iniciarse no mundo da música’, formación práctica de 6 horas de duración enfocada a aspectos básicos para o inicio dunha carreira no mundo da música como son a creación da identidade de grupo, maquetaxe, distribución e dereitos e aspectos a ter en conta de cara á procura dos primeiros concertos.

Noméanse dous xurados, un para cada unha das fases do certame. Na primeira, o xurado estará composto por cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito musical que decidirán as seis cancións, tres por categoría, que pasarán á final. Na segunda fase, o día da gala na que os finalistas interpretarán os seus temas, o xurado formarano seis alumnas e alumnos de educación primaria e ESO, tres por categoría, con formación musical.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego