A nova lei do audiovisual deixa ao galego fóra da pantalla

As principais entidades de defensa das linguas minorizadas do Estado español alzan a voz en protesta logo de que o Congreso aprobara o pasado xoves a nova Lei xeral de comunicación audiovisual sen apenas incorporar as demandas destes colectivos.

Representantes de A Mesa pola Normalización Lingüística (Galiza), Euskalgintzaren Kontseilua (Euskal Herria), Òmnium Cultural, Plataforma per la Llengua, Ciemen, Acció Cultural del País Valenciá, Obra Cultural Balear, Escola Valenciana, Associació Cultural Valenciana Tirant lo Blanc, Federación de Organitzacions per la Llengua (Països Catalans), Iniciativa pol Asturianu (Asturies) e Nogará religada (Aragón) recordan que “a lei que se vai aprobar non responde á demanda cidadá, nin á igualdade entre os e as cidadás” e que “a presenza de linguas distintas do castelán será testemuñal”.

Denuncian que se trata dunha lei que non responde á realidade lingüística existente no Estado e sosteñen que a lexislación xeral audiovisual só estabeleceu porcentaxes obrigatorias de contidos mínimos e financiamento para o español, sen nengunha indicación nen recoñecemento para outras linguas existentes no Estado español fóra da retórica baleira. Isto impede que as crianzas, mocidade y o público en xeral poidan gozar na súa lingua da ampla oferta dispoñíbel de programas de televisión, series e filmes. “Por desgraza a nova lei non supón mudanzas significativas neste senso”.

Por último, reiteraron o seu compromiso de seguir traballando. “É certo que nesta ocasión non se cumpriron os obxectivos previstos e que aprobarán unha lei que invisibiliza a presenza das nosas linguas. Porén, continuaremos a traballar para crear as condicións adecuadas para vivirmos nas nosas linguas e gañaren espazos, entre eles as pantallas”, subliñaron.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego