Arranca a programación que a Deputación de Pontevedra ten organizada cara o 8M. O punto de saída marcouno este venres o despregue das pancartas reivindicativas no Pazo Provincial e na sede de Vigo. A campaña, que leva o hashtag #depoPORelas365, busca facer fincapé na necesidade dun feminismo durante todos os días do ano.
A presidenta Carmela Silva destacou o traballo desta institución a prol da igualdade: “xunto a todas vós imos seguir berrando alto e claro, con orgullo e forza e non nos deteremos. Queremos formar parte da vosa voz e hoxe queremos dicir que nos escoiten. Nin un paso atrás a prol da loita contra os dereitos das mulleres”.
Programación
A programación do 8M estrutúrase, deste xeito, nas Alianzas na Política, na Empresa-Economía, nos Medios de Comunicación, no Saber, Investigación e Universidade e na Creatividade, así como na aposta pola Coeducación e por visibilizar o legado da excelencia das mulleres. Trala lectura no último pleno do Manifesto redactado pola maxistrada do Tribunal Constitucional, María Luisa Balaguer e a vindeira colocación das pancartas reivindicativas nas sedes provinciais, o mesmo 8 de marzo terán lugar os actos centrais en Pontevedra e Vigo.
No primeiro caso, a cita é ás 11 horas, no Pazo Provincial, coa intervención artística denominada Alguén aquí? que protagonizará a mestra, escritora e artista Carmen Quinteiro, coas músicas Su Garrido e Sheila Patricia. A peza apelará, como avanzou Carmela Silva, “a estar alerta e reafirmar a urxencia de non baixar a garda en defensa dos dereitos das mulleres; vai ser un golpe duro para que a sociedade reflexione sobre a necesidade de tomar partido pola igualdade”. Para iso panelarase e decorarase a porta central do Pazo Provincial con cintas de baliza de perigo e a acción contará con ambientación sonora e visual. Quinteiro explicou que Alguén aquí? responde “ás alarmas que soan cada vez máis alto e non van calar” e fixo fincapé en que “o feminismo non é moda, é xustiza de vida e quen non queira asumilo é porque ten uns ollos cegos para entender de que vai a vida”.
En Vigo a acción será ás 17.00 horas e titúlase “2,2 quilómetros de alento”, a cargo das artistas Andrea Mosquera e María Roja, que culminará coa apertura das exposicións na sede a cargo de Puri Díaz e Ofelia Cardo. Será unha performance que terá lugar entre o Xulgado de Violencia Sobre a Muller e a sede de Vigo, un tramo de 2,2 quilómetros a través do que as dúas mulleres, cargadas con bolsas da compra, irán deixando ao seu paso laídos de auxilio que se mesturarán ata perderse na paisaxe sonora urbana. As creadoras da peza explicaron por vídeo que a acción será na rúa “para darlle a oportunidade á xente de estar en contacto coa arte en espazos que non son habituais”.
A tarde rematará na sala Rosalía de Castro da sede da Deputación en Vigo onde se inaugurará a exposición “A muller da miña vida” de Puri Díaz, con imaxes que supoñen “un canto coral da memoria (e da miña memoria)”. E na sala Maruja Mallo, abrirase a mostra de fotografía, escultura e instalación “Dar alento” de Ofelia Cardo con pezas centradas na intersección entre feminismo e ecoloxía, que “entrelazan a histórica opresión sobre a natureza e a que sofren as mulleres”.
No que atinxe ás Alianzas na Creatividade, no acto presentáronse as mochilas de corda ilustradas polas artistas Alba Casanova, La Platanera e Heyjuddy no marco do programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero”. As creadoras interviñeron por vídeo para amosar as súas propostas para estas mochilas, das que se distribuirán 4.500 unidades e que se repartirán nas distintas accións de Violencia Zero na provincia. Alba Casanova elaborou un deseño que reflexiona sobre as limitacións dos estereotipos de xénero, La Platanera quixo simbolizar o feminismo a través dunha regadeira que “sementa igualdade” e Heyjuddy, a través da cara dunha muller, conforma tamén a idea “da semente de vida e respecto”. Tamén no seo do citado programa, o día 7 de marzo terá lugar a acción no Auditorio do Grove a cargo de Xela Marx e Maya Marx e o 9 de marzo a acción no CPI Arquitecto Palacios de Nigrán a cargo de Neves Seara e Elsa Pereira.
Tamén se sumarán alianzas no ámbito creativo a través do Manifesto de Soutomaior, coa entrega o 14 de marzo en Pontevedra dos premios “Cambiemos o conto”, que recoñecen as mellores redaccións centradas na Igualdade e na loita contra a violencia de xénero de alumnado de Secundaria da provincia. Así mesmo, lanzarase a convocatoria dos premios literarios “Hai unha voz” para incentivar, apoiar e recoñecer o papel das escritoras e profesionais no ámbito da literatura galega. E o 21 de marzo presentarase o libro “Ti non sabes o que é ser escritora” que recolle relatos inéditos das asinantes do Manifesto sobre feminismo acompañados de creacións de mulleres ilustradoras.