A mostra ‘Virxinia Pereira: Dez voltas na vida’ chega a Rianxo

A exposición ‘Virxinia Pereira: Dez voltas na vida’ chega a Rianxo para afondar na figura da estradense que casou con Castelao e que foi clave na conservación do seu legado.

O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, desprazouse ata Rianxo para participar na inauguración da mostra, unha iniciativa que se integra no Ano Cultural 2026 e que chegou ao municipio coruñés despois de teren pasado o verán na alameda estradense.

De feito, esta foi a primeira proposta cultural na que colaboraron estes dous concellos, que este mes de outubro asinarán o seu irmanamento. Neste senso, o rexedor trasladou o acordo de que o protocolo se rubrique na Estrada, o vindeiro 19 de outubro, nun lugar que ten unha importante carga simbólica: a carón da escultura que representa á familia Castelao-Pereira na Praza de Galicia e no día no que se cumpren 114 anos do casamento, nesta mesma contorna, da estradense Virxinia Pereira Renda co rianxeiro Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

No acto de Rianxo participaron tamén o alcalde de Rianxo, Jualián Bustelo, e Xesús Domínguez, este último en representación da Editorial Galaxia, que deseñou esta mostra co asesoramento da escritora Montse Fajardo, autora da biografía de Virxinia Pereira que recolle na obra ‘A vida incerta’.

O rexedor estradense aplaudiu o feito de que a mostra permita achegar aos cidadáns deste municipio a figura de Virxinia Pereira, a estradense que uniu a súa vida á do emblemático rianxeiro.

‘Virxinia Pereira: Dez voltas’ na vida propón un percorrido pola traxectoria vital da protagonista do Ano Cultural 2026 no Concello da Estrada a través de dez etapas e viaxes vitais, desenvolvidas en seis estruturas e doce paneis informativos. O relato expositivo percorre escenarios fundamentais na súa biografía, como A Estrada, Rianxo, Pontevedra, Madrid, Nova York, París e Buenos Aires, poñendo o foco na súa relación vital e intelectual con Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e no seu papel decisivo para a conservación do seu legado.

O irmanamento entre A Estrada e Rianxo non nace dunha afinidade xenérica, senón dun vínculo biográfico e patrimonial concreto que o Ano Cultural Virxinia Pereira 2026 pon en valor. Formalizalo agora consolida unha cooperación xa iniciada meses atrás e honra a memoria dunha estradense esencial para a cultura galega, dotando a ambos os concellos dun marco estable de traballo común.

“Esperemos que o 19 de outubro nos acompañe o tempo para asinar este irmanamento a carón da escultura que representa a familia e no lugar onde Virxinia e Castelao casaron, xusto no aniversario daquel día e tamén nun 19 de outubro no que ela naceu, en 1884”, dixo Gonzalo Louzao.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego