O Museo Provincial de Lugo acolle a mostra “Sempre en Galiza. 1944-2024“, sobre a obra cumio do pensamento político de Castelao, un alegato a prol do recoñecemento da identidade nacional de Galiza.
A mostra, comisariada por Henrique Monteagudo e coordinada por Xesús Domínguez Dono, plásmase en oito paneis que resumen o contido da obra, con textos descritivos e reproducións de fotos históricas e debuxos de Castelao.
Trátase dunha descrición cronolóxica, que explica os textos en relación coa súa actividade política desde 1934, cando asina os primeiros artigos , no desterro estremeño, ata 1944, cando se funda o Consello de Galiza, goberno galego no exilio do que foi primeiro presidente, e se publica a primeira edición da obra.
A mostra, producida por Merlín Comunicación e Editorial Galaxia, exponse no Museo xunto a unha primeira edición de “Sempre en Galiza”, publicada na Arxentina pola editorial “As Burgas” do Centro Orensano de Buenos Aires, na imprenta “Artes Gráficas Bartolomé U. Chiesino”, o 10 de marzo de 1944.
A publicación, que foi enviada clandestinamente a Galiza, inclúe unha dedicatoria a José Conde, poeta e pintor ourensán que emigrou en 1935 á Arxentina, onde debeu coñecer a Castelao e lle asinou o libro. En Bos Aires participou activamente na vida cultural da emigración galega e fundou a revista Mundo Gallego, que publicou números entre 1951 e 1952. Retornou a Ourense nos últimos anos da súa vida, nos que fixo colaboracións coa prensa local.
Na inauguración da mostra, na que participaron o vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro, o tenente alcalde de Lugo Rubén Arroxo e a concelleira de Cultura Maite Ferreiro, a deputada de Cultura Iria Castro subliñou a “necesidade de incidir na difusión do pensamento e da dimensión política de Castelao”, que el mesmo reivindicou por riba da artística desde a súa condición de exiliado.
A responsable provincial tamén valorou “o carácter divulgativa do ,exposición, que achega á cidadanía unha obra política fundamental para a historia galega contemporánea”. A mostra permanecerá exposta no Museo ata o 30 de marzo de 2025.
Programación conmemorativa “75 cabodano de Castelao (1950-2025)”
A mostra inaugurada esta tarde forma parte da programación conmemorativa “75 cabodano de Castelao (1950-2025)” coa que o Museo Provincial de Lugo difundirá o legado artístico e político de Castelao no primeiro trimestre deste ano, coa colaboración de diferentes institucións galegas.
Outro dos proxectos expositivos que pode verse estes días no Museo é a mostra bibliográfica “75 anos da sinatura de As cruces de pedra na Galiza”, que conmemora o setenta e cinco aniversario da publicación desta obra que Castelao asinou días antes de falecer, no exilio, en Arxentina.
Ademais, está prevista a celebración de dous relatorios: o día 20 de
febreiro, o Museo Provincial de Lugo acollerá unha ponencia de Fernando
Arribas sobre as achegas de Castelao aos comezos da investigación
científica dos cruceiros; o día 28 de febreiro, celebrarase a II
Xornada dedicada á vixencia de Castelao na arte e no pensamento galego,
coordinada por Pilar García Negro e Aurelia Balseiro, con intervencións
de Miguel Anxo Seixas, Iria-Friné Rivera, Victoria Carballo Calero,
Diana Vila Meis e Francisco Rodríguez.
Castelao no Museo Provincial de Lugo
O Museo Provincial de Lugo conserva entre os seus fondos unha colección
de trinta obras de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, A Coruña
1886 – Bos Aires, Arxentina 1950), exposta integramente ao público. Unha
sala monográfica adicada ao artista dende o ano 2010, onde se recollen
debuxos, gravados realizados con diversas técnicas e unha acuarela,
feitos na súa maioría nos anos vinte do século XX, ubicada na sala 25 da
primeira planta e dous óleos sobre cartón, “Asno e gaivotas” e “Paisaxe
con castiñeiro”, que se poden ver na sala 13 dedicada ás Vangardas
Históricas e Arte da posguerra.