A MICE ultima detalles cara a súa 18ª edición coa rururbanía como foco temático

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego acada este ano a maioría de idade. A cita, do 15 ao 21 de marzo en Santiago de Compostela, abre a temporada anual de festivais e mostras galegos de cinema.

Esta edición da MICE, a sétima como festival internacional con seccións competitivas, estará centrada na rururbanía. Un concepto definido en relación a aqueles espazos, continuos ou híbridos, xurdidos dun proceso de urbanización de lugares do rural. Zonas de intersección nas que aparecen o conflito e o desencontro, pero onde tamén xorden novas formas de resistencia, de socialización do patrimonio ou de prácticas culturais. O rururbano, analizado desde o cinema etnográfico e a antropoloxía audiovisual, será a temática que artelle toda a programación da MICE, desde as seccións a concurso (Galicia e Internacional), ata as seccións paralelas (Trazas, Lindes e Impropias), así como as accións formativas destinadas a público profesional e escolar, e o resto das actividades.

Formación na MICE

A formación para profesionais nesta edición estará a cargo do Laboratorio deAntropoloxía Audiovisual Experimental (LAAV), con Chus Domínguez e Belén Sola, que impartirán o taller “De quen é a historia? Prácticas audiovisuais colaborativas e a antropoloxía audiovisual”. 12 horas de formación especializada que terán lugar o luns 20 e o martes 21 de marzo. A inscripción pode realizarse do 6 ao 15 marzo, escribindo un correo a mice@museodopobo.gal.

MICE Petís

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico ofrecerá unha programación específica dirixida ao público escolar, no marco da MICE Petís. Unha proposta coordinada polo DEAC (Departamento de Educación e Acción Cultural) do Museo do Pobo Galego e o cineasta vigués Bruno Arias, para achegarse, a través do audiovisual e o documental de non-ficción, á visión da xente moza sobre a cultura e as tradicións galegas. Para iso, nesta edición ponse en funcionamento un programa piloto co alumnado de tres institutos galegos e co grupo mozo do CSC Aurelio Aguirre de Conxo, en Santiago de Compostela. Realizarán o proceso creativo dunha curta etnográfica, desde a idea ata a edición final. O resultado do programa proxectarase no Museo o venres 31 de marzo. En paralelo, un ano máis, haberá sesións virtuais para os centros educativos que o soliciten.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego