A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego celebrará a súa 18 edición entre o 15 ao 21 de marzo en Santiago de Compostela. Desta volta, estará centrada na rururbanía. Un concepto definido en relación a aqueles espazos, continuos ou híbridos, xurdidos dun proceso de urbanización de lugares do rural.
O rururbano, analizado desde o cinema etnográfico e a antropoloxía audiovisual, será a temática que artelle toda a programación da MICE, desde as seccións a concurso (Galicia e Internacional), ata as seccións paralelas (Trazas, Lindes e Impropias), así como as accións formativas destinadas a público profesional e escolar, e o resto das actividades.
Tamén a imaxe da MICE elixida para este 2023 está inspirada no concepto da rururbanía. A novísima creadora Coral Piñeiro é a artífice do cartel, así como da peza audiovisual promocional desta décimo oitava edición.
MICE Petís
A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico ofrecerá unha programación específica dirixida ao público escolar, no marco da MICE Petís. Unha proposta coordinada polo DEAC (Departamento de Educación e Acción Cultural) do Museo do Pobo Galego e o cineasta vigués Bruno Arias, para achegarse, a través do audiovisual e o documental de non-ficción, á visión da xente moza sobre a cultura e as tradicións galegas.
En paralelo, un ano máis, haberá sesións virtuais para os centros educativos que o soliciten. A partir do 14 de marzo e ata final de curso poderán acceder a unha escolla de filmes etnográficos proxectados nestas dezaoito edicións da MICE, tramitando as solicitudes en servizosdeac@museodopobo.gal.
Formación na MICE
A formación para profesionais nesta edición estará a cargo do Laboratorio de Antropoloxía Audiovisual Experimental (LAAV), con Chus Domínguez e Belén Sola, que impartirán o taller “De quen é a historia? Prácticas audiovisuais colaborativas e a antropoloxía audiovisual”. 12 horas de formación especializada que terán lugar o luns 20 e o martes 21 de marzo. A inscripción pode realizarse do 6 ao 15 marzo, escribindo un correo a mice@museodopobo.gal.
Un festival sustentable
En cumprimento do Pacto Cultura Sustentable, asinado en 2021, e coa Axenda 2030 no punto de mira, a MICE mantense como evento accesible, a prol da sostibilidade medioambiental e artellado desde a perspectiva de xénero. De novo, repite cun equipo eminentemente feminino, desde a dirección, en mans de Ana Estévez Lavandeira; a produción e a programación, cunha ampla representación de cineastas en toda a grella e cunha sección -Impropias- dedicada especificamente a elas.
A 18 MICE está organizada polo Museo do Pobo Galego, e conta co apoio do Concello de Santiago, a área de Cultura da Deputación da Coruña e a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) da Xunta de Galicia.