A Mesa teme que o galego quede fóra da lei do audiovisual e chama a mobilizarse o Día das Letras

Rematado o prazo para presentar emendas á nova lei do audiovisual, A Mesa pola Normalización advirte que os artigos sobre cotas de emisión, catálogo, financiamento e dobraxe por parte das plataformas de vídeo e das canles de televisión só citan “a lingua oficial do Estado e algunha das linguas oficiais nas comunidades autonómas”. Segundo a entidade de defensa da lingua, o emprego sistemático desta expresión podería deixar a nosa lingua fóra das conquistas alcanzadas, en grande medida, grazas á mobilización da sociedade galega a partir da Iniciativa Xabarín.

Nova lei do audiovisual

A nova lei do audiovisual contempla cotas de emisión e catálago, cotas para o financiamento de producións por parte das compañías emisoras e regula a presenza das linguas do Estado nas interfaces, audiodescricións e lexendaxe. En todos os casos, contémplanse porcentaxes que se refiren sempre á lingua oficial do Estado ou a “algunha das linguas das comunidades autónomas”. “Esta expresión foi só emendada por BNG, Podemos, PNV e Bildu”, denuncia o presidente da Mesa, Marcos Maceira, “malia estaren todas as organización políticas advertidas pola Mesa pola Normalización Lingüística de que pode supor a exclusión de todas as linguas minorizadas do Estado, menos unha”.

“Estamos a tempo de parar a posibilidade de que o galego fique excluído do audiovisual para as próximas décadas”, asegura o presidente da Mesa. “A sociedade galega ten nuns días a ocasión de se manifestar na rúas a favor da lingua galega no audiovisual, participando na convocatoria de Queremos Galego para este 17 de maio”.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego