A Mesa sobre o uso do galego no Congreso: “Os avances para as linguas non se deben deter aquí”

Marcos Maceira abre con Néstro Rego (BNG) os encontros cos representantes galegos no Congreso

A Mesa pola Normalización Lingüística valora “moi positivamente” que “na lexislatura que comeza se dean pasos firmes para a finalización dunha anomalía democrática como é a imposibilidade de uso de linguas diferentes do castelán”, en palabras do presidente da entidade en defensa do galego, Marcos Maceira.

Maceira fixo estas declaracións despois de reunirse con Néstor Rego, deputado do BNG, que se comprometeu a defender no Congreso todas as iniciativas encamiñadas á plena normalización do uso do galego. Con esta xuntanza, a Mesa abre unha serie de encontros con representantes políticos galegos presentes no Congreso para impulsar novos avances para o noso idioma no Estado.

A Mesa vén desenvolvendo un intenso traballo, en colaboración con outras entidades de defensa das linguas do Estado, impulsando medidas lexislativas pola igualdade lingüística. Neste sentido, Maceira recordou esta mañá que a Proposición Non de Lei presentada neste sentido no Congreso español, en abril de 2021, co apoio entre outros de Néstor Rego, xa reclamaba que se abrise esta posibilidade. “Naquel momento”, salientou Maceira, “aprobáronse 3 dos 7 puntos propostos, co voto favorábel de todas as forzas políticas con representación de Galiza”. “Pensamos que os avances para as linguas non se deben deter aquí”, defendeu o presidente da Mesa, “todos os puntos daquel manifesto manteñen a súa vixencia”. “Especialmente”, recalcou, “os relativos ao poder xudicial e á administración xeral do Estado, nos que tamén insistiu o Consello de Europa e que son de obrigada aplicación polo Estado español”.

 

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego