A Mesa rexeita participar na actualización do PXNL ata que “se ofrezan unhas garantías mínimas”

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, e a secretaria xeral da entidade, Celia Armas, fan hoxe pública a súa resposta á solicitude de reunión que recibiron en nome da Comisión Técnica da Renovación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNL), que busca actualizar o Plan Xeral de Normalización Lingüística logo da súa aprobación por unanimidade hai vinte anos.

Ambos informan do envío dunha carta ao coordinador das once comisións, Manuel González, na que sinalan que lamentan que a Xunta continúe a traballar “contra calquera oficialidade real da lingua galega”. Desde A Mesa reiteran a súa vontade de participar en calquera proceso que teña como finalidade reverter a situación de emerxencia lingüística, sempre que se garantan unhas “condicións mínimas” que aseguren a súa eficacia.

Maceira e Armas salientan que a vontade compartida polo académico e A Mesa é “a mesma”, “favorecer a existencia acordos reais que garantan os mínimos para a lingua”, mais tamén consideran “decepcionante” que González “lexitime”, coa súa presenza, unhas comisións “que se demostraron inoperativas, excluíntes e opacas”.

No concreto, A Mesa detalla que considera “imprescindible” retornar á situación lexislativa anterior ao anuncio da formación de comisións do PXNL e, por tanto, a anulación da Lei de medios públicos de Galiza que permite o uso de linguas diferentes á galega na CRTVG (futura CSAG); a modificación dos contratos dos campamentos de verán que non contemplan o coñecemento de galego polo persoal contratado; e a revisión da Lei de Intelixencia artificial para a inclusión das emendas que aseguren a oferta e uso galego pola administración.

“Mentres esta situación non se produza”, advirten os responsables da Mesa, “non imos permanecer á espera”. “Participaremos activamente”, rematan Maceira e Armas na súa carta a Manuel González, “xunto a moitas outras entidades de todos os ámbitos, no proceso social Lingua Vital anunciado pola plataforma cidadá Queremos Galego e que procura desenvolver o traballo ao que a Xunta e as comisións dirixidas por ela renunciaron a facer: propor accións para o desenvolvemento real do PXNL e dos acordos a favor do galego, avaliándoos e indicando os obstáculos que existiron para a súa aplicación”.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego