A Mesa pola Normalización Lingüística lanza esta fin de semana, no Culturgal, ‘Un idioma é algo precioso, único’, o libro no que reúne dous textos en homenaxe a Begoña Caamaño, escritora á que está dedicado o Día das Letras Galegas 2026 e unha das voces máis singulares da literatura galega contemporánea.
O primeiro dos textos é a entrevista que Manuel Vidal Villaverde lle fixo á autora de Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle, publicada no xornal Galicia Hoxe en 2010. Na conversa, Caamaño amosa o seu compromiso coa defensa da lingua galega e rexeita o “bilingüismo harmónico” e o “trilingüismo” por consideralos falacias que perpetúan a subordinación do idioma. A xornalista e escritora viguesa cualifica, asimesmo, de “execución” o chamado Decreto do Plurilingüísmo, afirmando que “só conseguirá debilitar o galego”. Caamaño denuncia, tamén, na súa conversa con Vidal Villaverde que ao poder “o galego resúltalles un moribundo demasiado lento e molesto” e que, con este decreto, “se apresuren a darlle morte a un ser tan vivo”.
O segundo texto recollido no novo volume editado pola Mesa está asinado pola alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín Rei, que analiza a consciencia sociolingüística e o compromiso co idioma de Begoña Caamaño. Reflexiona sobre o coidado que a xornalista e autora homeaxeada puxo na lingua literaria: o perfeccionismo, o rexeitamento da tradución literal, a apertura ao portugués e o xusto empeño en nomear o que a historia oculta, como se aprecia no monólogo de Morgana.
Coa publicación destes textos, a Mesa pola Normalización Lingüística súmase ao recoñecemento de Begoña Caamaño e recupera o seu pensamento sobre a lingua. Como ela mesma afirmaba na entrevista, “un idioma é algo precioso, único, o froito de séculos de traballo, cultura, discusións e consensos“.



