A Mesa plántase ante a Xunta durante o acto de constitución dos grupos de traballo que actualizarán o PXNL

A Cidade da Cultura acolleu o acto de constitución das comisións que máis de 100 persoas traballarán na actualización do Plan Xeral de Normalización da Lingua (PXNL). Nel, A Mesa ergueuse para denunciar unha falta de “transparencia, participación e pluralidade” neste proceso. Horas máis tarde, o conselleiro referiríase a este momento en sede parlamentaria, como resposta a unha pregunta do PPdeG, cualificando a actuación da Mesa como un “intento de boicot” ao debate.

A Mesa denuncia falta de transparencia

Tal e como indican nun comunicado, Marcos Maceira e Celia Armas, presidente e secretaria xeral da Mesa pola Normalización Lingüística, pedíronlle explicacións ao conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude durante a súa intervención. Entre outras, denunciaron o que consideran un “veto” da Xunta a que ningunha das entidades sociais representativas de sectores como a xuventude, a cultura, a educación, o traballo ou o consumo propostas pola Mesa nunha relación ampla e diversa participen neste proceso de traballos arredor do PXNL.

A Mesa chamou a non lexitimar este proceso. “Vostedes prefiren negar a evidencia e a realidade fabricando enquisas e usando os medios públicos para difundir mentiras”, lamentou Maceira. “Nós poderemos vivir sempre co orgullo de defender a lingua”, rematou.

Ademais, instaron a manifestarse nas rúas de Compostela o 23 de febreiro para loitar contra a emerxencia lingüística.

 

O conselleiro de Lingua denuncia un “boicot” ao debate

Pola outra banda, en sede parlamentaria, o concelleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, denunciou os actos da Mesa que cualifica de “boictot” e de seguir unha “estratexia” por parte dun sector “totalmente radicalizado” para impedir a posibilidade de debate.

O responsable autonómico de Lingua fixo un chamamento aos grupos políticos para demostrar “altura de miras e acadar un gran consenso de país que permita seguir mellorando os usos sociais da nosa lingua”.

Traballos de actualización do PXNL

A renovación do Plan xeral de normalización da lingua galega estará integrada por once grupos de traballo que terán o obxectivo de actualizar o documento para adaptalo á realidade social, demográfica e lingüística dos nosos días. Estes equipos sectoriais abarcarán eidos como os dereitos lingüísticos, as tecnoloxías, a oferta e dotación de recursos lingüísticos, a administración, o sistema escolar, a transmisión patrimonial do idioma, o lecer, a familia, os medios de comunicación, as industrias culturais, a economía, a sanidade, a sociedade, a proxección exterior do galego ou a lusofonía.

Todos eles estarán baixo a coordinación de Manuel González, quen xa se encargou deste labor durante a elaboración do plan.

Ademais do coordinador xeral, cada comisión sectorial contará cun responsable. Serán a doutora de Dereito Administrativo na Universidade de Santiago de Compostela Diana Santiago, a profesora da Universidade de Vigo Edita de Lorenzo, o experto en promoción da lingua galega na universidade e en formación de adultos Manuel Núñez, o presidente da Asociación de funcionarios pola normalización lingüística e avogado Xoaquín Monteagudo, o catedrático de Lingua e Literatura galegas Armando Requeixo, a presidenta do Museo do Pobo Galego e profesora da Facultade de Medicina Concha Losada, a produtora e avogada Patricia Hermida, o presidente do Foro Enrique Peinador e recoñecido promotor da lingua galega en distintos ámbitos Xosé González, a sanitaria e escritora infantil Rosalía Morlán, a presidenta da Fundación Vicente Risco, Celia Pereira, e o experto en relacións exteriores Xosé Lago.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego