Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, participou este venres pola mañá en Bilbo nunha rolda de prensa na que representantes das principais entidades en defensa das linguas minorizadas do Estado español anunciaron a súa adhesión á manifestación que percorrerá as rúas da cidade basca este sábado, día 4, dende as 17h co lema Fronte á ofensiva, si ao euskera (Oldarraldiaren aurrea. Euskararekin bat. Euskarari bai). A Mesa pola Normalización Lingüística participará activamente na manifestación, como tamén o farán outras entidades galegas en Euskal Herria.
Na rolda, Marcos Maceira recordou que a manifestación reivindica as linguas minorizadas do Estado, fronte aos ataques asestados polas institucións chamadas a defenderlas. “A tendencia de frear por vía xudicial conquistas democráticas a respecto da lingua é xeralizada no Estado español”, lamentou o presidente da Mesa.
“A cada avance na presenza dos nosos idiomas no espazo público”, advertiu Maceira, “séguenlle reaccións contrarias ao seu uso e existencia normal”. O representante da entidade en defensa da lingua recordou as sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza e do Tribunal Supremo contra a ordenanza de uso do galego no Concello de Lugo do 2018, considerándoas especialmente lesivas “polas súas características e pola capacidade de paralisar decisións democráticas e con amplo apoio social”.
“O poder xudicial, que só emprega o galego nun 0,8% dos seus expedientes e non actúa contra as máis de 500 disposición legais que garanten a presenza absoluta do español e sitúan o galego en situación de inferioridade”, lamentou, “ponlle limites á oficialidade da lingua galega para impedir calquera situación de igualdade respecto ao castelán, estabelecendo uns máximos que o galego non debe traspasar”.
“Sentenzas coa mesma orientación están a ser ditadas tamén en Euskal Herria”, advertiu Maceira, “e, se estas actuacións se consolidaren, as consecuencias afectarán a todas as linguas diferentes do español”. Contra esta ofensiva institucional e xudicial, maniféstase este sábado en Bilbo a sociedade basca, acompañada pola propia Mesa e polas entidades galegas presentes en Euskal Herria.