More

    A Mesa insiste en que a Xunta debe pactar as políticas sobre o galego no ensino cos axentes sociais da lingua e do propio sector

    A Mesa insta a Xunta e Estado a dialogar sobre o galego e a acatar as recomendacións de obrigado cumprimento do Consello de Europa

    O Consello de Europa vén de facer público o informe de avaliación a medio termo do 5º ciclo de avaliación da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas elaborado polo Comité de expertas deste tratado internacional, onde se constatan incumprimentos respecto ás políticas arredor do galego.

    O informe sinala a gravidade da situación no ensino, indicando que segundo o compromiso do Estado e da Xunta “o ensino debe ter o galego como lingua de instrución” e que “o marco legal actual é contrario aos compromisos do Estado español”, polo que “non todas as limitación ao ensino en galego foron eliminadas” tal e como está comprometido. Neste sentido alerta sobre o feito de que o 23,9 % de menores de 15 anos non sexan capaces de se expresaren en galego.

    A respecto da Xustiza, o Consello de Europa continúa a insistir na necesidade de asegurar o uso do galego nos procedementos xudiciais a petición dunha das partes, a través da reforma da Lei orgánica do poder xudicial. O Consello de Europa tamén pide incluír a protección do galego nos estatutos de Asturias, Castela e León e Extremadura nos territorios destas comunidades autónomas onde se fala.

    Presións do Goberno español e Xunta
    A Mesa pola Normalización xa denunciou en febreiro deste ano “as manipulacións do datos oferecidos polo Estado ao Comité de expertos para esta avaliación”, que foron contestados pola Mesa a petición do propio comité de expertos. O informe documentado e detallado presentado pola Mesa foi tido amplamente en conta polo Comité de expertos que non cedeu á presión do goberno español e da Xunta.

    A Mesa insiste en que a Xunta debe sentarse, falar e chegar a un acordo sobre o galego no ensino cos sindicatos, movementos de renovación pedagóxica, asociación de nais e pais e a propia Mesa, que elaboraron unha proposta de bases para a normalización no ensino, a única proposta existente neste momento que cumpre coas exixencias do Consello de Europa.

    A entidade en defensa da lingua xunto a outras entidades do Estado presentou o pasado 9 de marzo unha iniciativa no Congreso instando a facer efectiva a Carta Europea das Linguas. Aínda que finalmente foron aprobados 3 dos 8 puntos propostos, a Mesa séguese a coordinar coas outras entidades para que o Estado avance no cumprimento dos seus compromisos e nuns días anunciarán novas accións.

    Faite socia, faite socio

    As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego