A Mesa exixe a dimisión do Conselleiro e do Secretario Xeral da Lingua da Xunta

A Mesa ofreceu esta mañá en Compostela unha rolda de imprensa en reacción á proposta de modificación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega presentada onte na Cidade da Cultura pola Xunta de Galicia, na que o presidente e a secretaria xeral da entidade en defensa da lingua exixiron a demisión de José López e de Valentín García, despois de montar “un show” para “tapar a súa incapacidade de gobernar a favor do galego”

Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, foi moi crítico co “espectáculo” co que o goberno galego presentou a súa “proposta de actualización do plan xeral de normalización”, para “impulsar o uso da lingua galega en toda a sociedade”.

“O espectáculo de onte sería cómico se a situación non fose tan dramática”, lamentou Maceira. “A proposta da Xunta para afrontar a emerxencia lingüística que sufrimos en 2026 é rebaixar os acordos unánimes do PXNLG de 2004”, denuncia. E aclara que a proposta da Xunta elimina o carácter prescriptivo das medidas. “Onde o acordo de 2004 falaba de facer”, explica Maceira, “a revisión actual do PP emprega verbos como fomentar, impulsar, promover, sensibilizar, favorecer ou fórmulas como “cando proceda” ou “na medida en que o permita o ordenamento xurídico”, como se a Xunta non tivese capacidade de actuación de mudar as normas que exclúen o galego ou como se non fose, directamente, a responsable da súa creación e aprobación”. “Aluden a fomentar o galego dentro dun marco normativo creado por eles mesmos no que o galego nin se nomea”, lamenta.

De feito, A Mesa recorda que a proposta da Xunta nin sequera se propón garantir o cumprimento da lexislación en ámbitos nos que se está a incumprir “escandalosamente”, como en notarías ou seguros. Tampouco recolle “medidas claras e contundentes para asegurar a oferta positiva en todos os servizos”, nin o “compromiso de presenza do galego nos programas informáticos das administracións públicas” ou “a súa prioridade nas páxinas web e interfaces públicas”. En ámbitos como o ensino, Maceira lamenta que o goberno autonómico “chantaxea” a sociedade galega, mobilizada en defensa da nosa lingua, “con manter o desastre actual sen non se aceptan as súas condicións”, igualmente contrarias ao que indica a Carta europea das linguas, xa que, nelas, “o galego debe permanecer limitado a un máximo de docencia”.

“A Xunta debe garantir o galego en todos os ámbitos e para todos os usos” recorda Maceira. “É a súa responsabilidade e elúdena en aras dun suposto consenso”, lamenta. “O único consenso que promoven é o de silenciar a reivindicación do galego”, remata Maceira, “pero non o conseguiron. A Mesa xunto a centos de entidades sociais seguimos dispostas a asumir a responsabilidade da que desertaron. Fixémolo co Protocolo Lingua Vital e farémolo agora cunha Iniciativa Lexislativa. Temos a seguridade de que coa acción colectiva é posíbel reverter a situación do galego”.

Neste sentido, a secretaria xeral da Mesa, Celia Armas, asegurou que “o conselleiro de Cultura e o Secretario Xeral de Lingua incumpriron a súa palabra, excluíndo da participación directa no proceso máis de 50 entidades sociais relevantes de todos os ámbitos propostas pola Mesa”. Recordou que foi por esa exclusión “que A Mesa se negou a participar no espectáculo groseiro que estaba a armar a Xunta” e afirmou que “o resultado acabou por nos dar a razón”. “A Xunta só pretendía enredar e gañar tempo para seguir actuando contra o galego”, rematou Armas, “só fixeron anuncios cada vez que a plataforma Queremos Galego daba novos pasos: inicio do proceso social Lingua Vital, elaboración e presentación do Protocolo Lingua Vital, mobilización masivas e recentemente o anuncio dunha Iniciativa lexislativa Popular”.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego