A Mesa exíselle ao conselleiro de Sanidade que protexa o dereito da cidadanía a falar galego co persoal médico

Mesa pola Normalización Lingüística trasladoulle ao conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, a queixa presentada por unha doente galega á que unha médica de urxencias lle prohiibu falar a nosa lingua no Servizo de Urxencias do Hospital Universitario de Ourense.

A doente denuncia que, ao dirixirse á profesional sanitaria en galego durante a atención na consulta, a médica respondeu literamente: “A mí me habla en castellano”. Elsa Quintas Alborés, directora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos, recórdalle a Gómez Caamaño que o “a lingua propia de Galiza é o galego”, segundo recolle o Estatuto de Autonomía de Galiza e que “os poderes públicos de Galiza garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciaran o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa”.

Neste sentido, Quintas pídelle ao responsábel de Sanidade que “tome as medidas necesarias para corrixir esta situación e evitar que se repita no futuro, garantindo a atención en galego en todos os servizos prestados pola Consellería de Sanidade”. E recórdalle que a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, recolle expresamente a necesidade de garantizar o respecto á “personalidade, dignidade e intimidade” das e dos doentes, “sen ningunha discriminación por razón de raza, sexo, relixión, opinión, idioma, ideoloxía ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social”.

A directora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos salienta, ademáis, que a Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, establece como falta moi grave “toda actuación que supoña discriminación por razóns ideolóxicas, morais, políticas, sindicais, de raza, lingua, xénero, relixión ou circunstancias económicas, persoais ou sociais, tanto do persoal como das persoas usuarias, ou pola condición en virtude da cal estas accedan aos servizos das institucións ou centros sanitarios”.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego