A Mesa aumenta a presenza das diferentes zonas do país na súa xunta directiva

A Mesa pola Normalización celebrou a fin de semana na Casa Museo Manuel María, en Outeiro de Rei, a súa asamblea xeral. A entidade, consolidada como a grande asociación do galego, aumentou a presenza das diferentes zonas na súa xunta directiva, coa incorporación de Ana Paz, Diego Bará, Lois Neto e Xosé Manuel Fernández, vindas de Ourense, Pontevedra, Mondoñedo e Monforte. Na asemblea xeral tamén refrendaron o traballo da dirección presidida por Marcos Maceira, con Elsa Quintas como vicepresidenta e Celia Armas como secretaria xeral.

No informe económico aprobado, A Mesa destaca que máis do 70% do seus ingresos proceden das achegas das 4000 socias e socios que garanten a estabilidade, independencia e forza da asociación na defensa e promoción da lingua galega. A asamblea avaliou, tamén, positivamente a consolidación dos dous grandes proxectos da entidade: Abertos ao Galego, que incrementa cada ano o número de empresas adheridas ao seu certificado de compromiso lingüístico, e a Liña do Galego, o único servizo existente en Galiza para a tramitación de queixas, consultas ou parabén relacionadas cos dereitos lingüísticos que no pasado ano 22 superou as 1000 xestións realizadas.

Dentro do plan de actividade para os anos 2023 e 2024, aprobáronse accións contra a deturpación da toponimia galega nos mapas dixitais ou a participación na demanda contra o Instituto Xeográfico pola resolución que modifica o nome da Ría de Ribadeo. Tamén desenvolverá accións contra a exclusión do galego nos resultados das procuras en Google.

Ademais, a Mesa seguirá a manter a presión para que dea cumprimento á Iniciativa Xabarín tal e como foi aprobada no Parlamento, para que as compañía aseguradoras cumpran a lexislación no referido ao uso do galego e desenvolverá accións xunto aos concellos para garantiren os dereitos lingüísticos na administración local.

A Dirección da Mesa eleita na Asemblea está constituída por:
Presidente: Marcos Maceira Eiras (Santiago de Compostela, 1978). Profesor de Xeografía e Historia no Ensino Secundario. Santiago
Vicepresidenta: Elsa Quintas Alborés (Vilaza, Val do Miñor, 1979. Avogada. Vigo
Secretaria Xeral: Celia Armas García (Santiago de Compostela, 1974). Profesora de Lingua e Literatura galega. A Coruña
– Carlos García Vieiro ( Santa Comba, 1992), consultor de comunicación. Santiago
– Ana Paz Vilar. (Ourense, 1978). Mestra de Educación Infantil e Primaria. Castrelo de Miño
– Diego Bará Louro ( Pontevedra, 1997). Estudante. Pontevedra
– Xosé Manuel Fernández Montes (París, 1972). Asesor e represente artístico. Monforte
– Lois Neto López (Mondoñedo, 1973). Asesor laboral e sindicalista. Lugo.
– Manuel María Carniceiro Méndez-Aguirre. (Ourense, 1962).
– Mónica Pazos Martínez (Trasmiras, 1977). Profesora de Lingua e Literatura galega. Foz
– Paulo Filgueiras Fachal (Miño, 1979). Profesor de Lingua e Literatura galega. A Guarda.
– Xosé María Cotelo Freire (Carballo, 1968). Traballador de AENA.
– Lucía Barreiro Capón (O Pino, 1991 ) Profesora de Lingua e Literatura Galega. Santiago. A Laracha.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego