A memoria das mulleres protagoniza dúas novas mostras do Museo Provincial de Lugo

A exposición ‘EU SON. Memoria das rapadas‘ das artistas de Art al Quadrat, composto por Mónica e Gema Del Rey Jordà, xa pode visitarse no Museo Provincial de Lugo. Ao seu carón, atopamos tamén ‘Notas no latido do unánime e cego‘ de Carla Andrade, unha instalación audiovisual que recupera a memoria das mulleres.

A xerente da Rede Museística Provincial Encarna Lago e a xestora cultural Anxela Caramés encargáronse da coordinación desta proposta que conecta artistas e linguaxes diferentes e que poderá verse no Museo Provincial de Lugo ata o 8 de abril.

Art al Quadrat (Gema e Mónica del Rey Jordà)

EU SON. Memoria das rapadas é un proxecto artístico expositivo, que ten o propósito de recuperar a memoria das mulleres rapadas durante o réxime franquista. Na II República moitas mulleres que, segundo o novo Estado, transgrediran o papel da feminidade tradicional ou eran familiares de persoas significadas politicamente, durante a Guerra Civil Española e a Postguerra foron vítimas de violentos escarnios públicos, que as degradaban e humillaban fronte a toda a poboación. Entre os castigos rapábaselles o pelo, dábaselles de beber aceite de ricino e eran “paseadas” polas rúas céntricas do pobo ou da cidade, ademáis das represións ocultas como as violacións ou a morte.

Carla Andrade

Notas no latido do unánime e cego (2022). Esta instalación audiovisual é resultado das investigacións levadas a cabo durante as residencias artísticas [Dá] Terra Semente, [Dá] Semente Terra no Museo Pazo de Tor (Monforte de Lemos), durante o mes de agosto de 2022. Presentado en forma de apuntamentos fílmicos, este proxecto proponse revisitar o pasado a través da biografía dos espazos do Pazo de Tor, cuestionando a maneira en que lembramos, co fin de evitar caer nun actitude nostálxica ou escapista, senón máis ben liberando un pasado enterrado e oculto baixo o veo da rutina.

Mediante o uso simbólico dunha atmosfera gasosa combinada coas voces de mulleres da provincia de Lugo, algunhas delas relacionadas co Pazo de Tor, como Angelita, establécese unha reflexión que vai máis aló das diferenzas de privilexios entre clases sociais, evidentes neste lugar habitado durante séculos. Máis ben, mergúllase no cambio de paradigma actual: o inicio da transición dunha era material, ríxida e inamovible, cara a algo que promete ser moito máis voluble, cambiante e sen forma definida.

 

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego