A literatura xuvenil conta cun novo galardón: o Premio Xosé Neira Vilas

A Fundación Neira Vilas, a Editorial Galaxia, xunto co apoiado da Xunta de Galicia, crean a convocatoria do I Premio Xosé Neira Vilas de Literatura Xuvenil, un certame cuxo obxectivo é renderlle homenaxe ao precursor do xénero de literatura infantil e xuvenil en galego ao mesmo tempo que fomentar a escrita en galego.

Presentación do Premio

No acto, o secretario xeral da Lingua, Valentín García, xunto co presidente da Fundación Neira Vilas, Fernando Redondo, e o director da Editorial Galaxia, Xosé Manuel Soutullo, foron os encargados de anunciar a convocatoria deste certame, dotado con 6.000 €, e cuxa recepción de obras estará aberta desde hoxe e ata o 3 de novembro.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude defendeu a posta en marcha dun certame da categoría de infantil e xuvenil en memoria do escritor Xosé Neira Vilas, ao que erixiu como “pioneiro” deste xéreno en galego coa obra “que a día de hoxe sería considerada todo un betseller”, apuntou en referencia a Memorias dun neno labrego, que saíu do prelo da editorial Follas Novas de Bos Aires en xaneiro de 1961 e tense convertido na publicación en galego máis traducida e editada.

Poderán concorrer a este certame as autoras e autores que presenten os orixinais escritos en lingua galega de obras de creación literaria adscritas ao xénero de novela e dirixidas ao lectorado xuvenil. Deberán enviarse á sede administrativa da Editorial Galaxia e a obra gañadora será publicada na súa colección Costa Oeste. As bases poden consultarse no Portal da Lingua Galega.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego