A Iniciativa polo galego no audiovisual chega ao Parlamento Europeo

Unha delegación composta por Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, e Xosé Lois Ledo, da Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), defendeu este xoves no Parlamento europeo a igualdade para o galego no audiovisual tal e como propuña a Iniciativa Xabarín aprobada unanimemente no Parlamento de Galiza e a maioría de concellos galegos.

Comparecencias

A comparecencia produciuse no Intergrupo de linguas, do que forman parte deputados de todos os grupos da eurocámara, no marco da elaboración do informe parlamentar sobre a Directiva europea do audiovisual que clarificará os termos no que os Estados a deben aplicar. A delegación foi presentada pola deputada do BNG Ana Miranda.

O Grupo de Estudos audiovisuais da USC interveu, tamén, a través dunha vídeo conferencia representado pola investigadora e docente Mª Soliña Barreiro, na presentación das emendas presentadas pola Iniciativa galega polo audiovisual (composta pola Mesa, AGAPI, AAAG, AGPTI, Crea, Asoc Guionistas e o propio GEA) ao informe sobre a aplicación da directiva europea de comunicación audiovisual que debate o parlamento europeo.

Neste sentido, o presidente da Mesa, Marcos Maceira, advertiu ao Parlamento europeo que a lei española non toma en conta o contemplado no artigo 12 da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minorizadas, nin a Directiva europea respecto á pluralidade lingüística ou ao estabelecemento de regras rigorosas que a garantan. “O audiovisual non pode ser un espazo máis de exclusión do galego”, reclamou Maceira.

Maceira informou aos parlamentarios europeos de que o Estado español non está a garantir a presenza do galego en igualdade de condicións co español nas cotas de pantalla, financiamento anticipado, dobraxe, lexendaxe, interfaces, webs e audiodescricións.

O vicepresidente da Asociación Galega de Produtoras Independentes, Xosé Luis Ledo, recordou que a definición de “produtora independente” que recolle a nova lei estatal debe ser clarificada na directiva europea de servizos de comunicación audiovisual. “Para que exista un financiamento axeitado para o cinema independente”, rematou, “o único que garante produción en galego”.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego