A ilustradora coruñesa Paula Mayor asina o cartel dos XXVIII Premios de Teatro María Casares dándolle así continuidade á iniciativa principiada en 2017 de encargar o deseño dos carteis a diferentes artistas co obxectivo de estreitar relacións entre o sector escénico e mais o ámbito da ilustración, da banda deseñada e mais do deseño gráfico.
Neste caso, Paula Mayor ten exercido como ilustradora, maquetadora ou deseñadora para os ámbitos da edición, do téxtil, da publicidade e mais das redes sociais. Dentro do eido da ilustración, amosou a súa versatilidade en proxectos de literatura infantil, na realización de portadas para libros e discos, a creación de carteis para organismos públicos e participou en diferentes exposicións como a colectiva Picasso na casa, que pode verse actualmente na Casa Picasso na Coruña.
A súa actividade artística no mundo da banda deseñada foi merecente de galardóns como o Premio Castelao 2023, convocado pola Deputación da Coruña, pola súa obra Rosalía oculta. Ademais, gañou certames como o Concurso de Ilustración da Editorial Hércules e levou o primeiro premio no VII Concurso de Cómic Refuxios e Liberdade e no XII Concurso de Cómic Dos Hermanas, entre outros. Asinou carteis para diferentes eventos culturais. Nesta liña, cómpre destacar o cartel do Calendario do Libro e da Lectura das Bibliotecas de Galicia deste ano e do Día da Ilustración da Xunta 2022.
Para o cartel dos Premios de Teatro María Casares, a autora sinala que apostou pola “estética do cómic” co obxectivo de crear unha ilustración “dinámica” na que o “movemento e a vida” combinasen cunha “vontade onírica”. Paula Mayor, ademais, centrouse nos “conceptos marítimos” e incluíu “elementos simbólicos” como o polbo, a maruxaina ou o castelo de Santo Antón para vencellar os Premios cun “espírito atlántico”.
Festa de Finalistas
Os espectáculos e profesionais finalistas dos XXVIII Premios de Teatro María Casares daranse a coñecer o vindeiro martes, 20 de febreiro, durante a tradicional Festa de Finalistas que este ano volverá celebrarase en Santiago, na Cafetería Lasso do Auditorio de Galicia. A actriz Cris Collazo encargarase de conducir o evento.
A gala de entrega terá lugar xa o xoves 21 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Os Premios María Casares están organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) dende a súa posta en marcha en 1997 e conta cada ano coa colaboración de institucións e entidades como a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, o Concello da Coruña, o Padroado de Cultura do Concello de Narón a Fundación AISGE ou Gadisa.