A I edición do Festival ‘Aquí tamén se fala’ xuntará o 7 de xuño a Grande Amore, Boyanka Kostova, Lontreira e Leria

O ‘Aquí tamén se fala’ non para de colleitar éxitos e todo indica que a primeira edición do Festival con título homónimo seguirá este mesmo camiño. O 7 de xuño subirán ao escenario da Praza da Tolerancia as artistas Grande Amore, Boyanka Kostova, Lontreira e Leria dentro desta iniciativa cultural impulsada polo IES Plurilingüe Rafael Dieste co obxectivo de promover o uso da lingua galega entre a mocidade.

No acto de presentación, que acolleu o propio instituto coruñés, participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; Soledad Agra, responsable da área de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña; Gonzalo Castro, concelleiro de Fomento e Promoción da Cidade do Concello da Coruña; Mateo Torres, director do centro; Nuno Pico e May, cantantes de Grande Amore e Leria, respectivamente, e alumnado e profesorado do centro.

Máis de 200 centros involucrados

Este festival enmárcase na iniciativa cultura homónima nacida no Equipo de Dinamización da Lingua Galega do instituto Rafael Dieste que hoxe involucra máis de 200 centros de toda a comunidade e preto de 50.000 estudantes que, a través de entrevistas, actuacións e campañas nas redes sociais, animan a rapazada a falar na lingua propia de Galicia.

Ademais, a iniciativa volveuse especialmente famosa ao involucrar os clubs deportivos galegos de referencia, como o Deportivo da Coruña, o Celta, o Obradoiro ou o Balonmán Cangas, entre moitos outros; así como a referentes da cultura nacional e internacional como o actor Viggo Mortensen ou os músicos James Rhodes e Amaia Romero.

 

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego