A homenaxe a Dorothé Schubarth abre a MICE no Teatro Principal de Compostela

A 19ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico Museo do Pobo Galego continuará até o 26 de marzo

O Teatro Principal de Compostela acollerá este mércores ás 20 horas a sesión inaugural da 19ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico Museo do Pobo Galego. Proxectarase ‘586 cantos‘,un espectáculo audiovisual sobre o Cancioneiro Popular Galego, obra fundamental sobre a tradición oral galega, froito do traballo de investigación de Dorothé Schubarth coa colaboración de Antón Santamarina.

586 cantos

As gravacións sonoras orixinais, as fotografías, as transcricións de textos e as partituras, depositadas no Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego por expreso desexo de Schubarth, son o punto de partida deste evento no que dialogarán música e imaxe. Así, a posta en escena no Teatro Principal contará coa interpretación musical de Richi Casás, Frank Barcia, Tania Caamaño e Antía Ameixeiras, sincronizada en directo coa montaxe visual que realizaron para a MICE Laura Piñeiro e Fran Rodríguez Casal, integrantes da Asociación Memoria e Cinema.

Ao acto inaugural asistirán a concelleira de Capital Cultural do Concello de Santiago, Míriam Louzao Fernández; a deputada de Cultura da Coruña, Natividade González; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil; o director do Museo do Pobo Galego, Manuel Vilar; a presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego e responsable do APOI, Concha Losada; e a directora da MICE, Ana Estévez Lavandeira.

Programación da MICE

A continuación da sesión inaugural, ás 22 horas, o Teatro Principal acollerá a primeira das sesións de Trazas, unha das seccións paralelas da MICE, centrada nesta 19ª edición no Cinema galego e Transición, e organizada co Cineclube de Compostela coa colaboración da sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do Consello da Cultura Galega. Proxectarase primeiro a curtametraxe Conxo, unha experiencia, de Manuel Abad, unha reflexión arredor da creación artística, a enfermidade mental e a sociedade, á vez que unha denuncia das pésimas condicións nas que vivían os internos do psiquiátrico compostelán de Conxo. A continuación, as persoas asistentes poderán ver a longametraxe CCCV, de Ramiro Ledo Cordeiro, unha panorámica das loitas sociais e políticas na Galicia da Transición, a través da selección e montaxe do material gravado polo camarógrafo Carlos Varela do movemento nacional-popular galego.

Previamente, ás 17:30 horas, na Ala Sur do Museo do Pobo Galego proxectarase o primeiro dos nove filmes incluídos na sección Internacional desta 19ª MICE. Riada, de Carlos Tobón, é unha investigación etnográfica sobre as consecuencias dunha alteración paisaxística como é a construción da presa de Hidroituango sobre o río Cauca. A película colombiana é unha das trece pezas que este ano competirán polo Premio MICE ao Mellor Filme.

As entradas para todas as proxeccións da 19 MICE son gratuítas. A 19 MICE, que continuará ata o 26 de marzo, conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela, da área de Cultura da Deputación da Coruña e da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego