O Concello de Ames, a través do Servizo de Normalización Lingüística, organiza un ano máis os Premios Lingua e Empresa, que promoven o uso da lingua galega no ámbito empresarial local. Nesta ocasión triplicouse a participación con respecto a edicións anteriores e foron 26 as empresas de distintos lugares do municipio que se presentaron a esta convocatoria.
A regueifeira Lupe Blanco e mailo regueifeiro Josinho da Teixeira serán os encargados de conducir e amenizar con diversas regueifas a Gala Lingua e Empresa, que se vai a celebrar este vindeiro sábado, 17 de decembro, a partir das 19.00 horas, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. Será un evento aberto a toda a veciñanza que queira participar. As persoas que queiran asistir teñen que solicitar os convites, que son gratuítos, enviando un correo a normalizacion@concellodeames.gal ata o venres 16 ás 14.00 horas.
No acto estarán presentes as 26 empresas que se presentaron ao certame este ano, pero tamén están convidadas as empresas que participaron nas catro edicións anteriores e mais os membros do xurado. Tal e como explica a concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, “este ano decidimos organizar unha Gala para facer a entrega de premios co obxectivo de darlle maior visibilidade á convocatoria e ás vantaxes que a lingua lle pode achegar ao tecido empresarial. Xa levamos cinco edicións dos Premios Lingua e Empresa polo que consideramos que é “un certame consolidado e con vocación de continuidade”.
Escarlata Pampín engade que “entendemos esta gala non só como un acto de entrega de premios e de recoñecemento a empresas gañadoras noutras edicións, senón como unha actividade para poñer en valor o tecido empresarial local xunto coa lingua galega”.