A Academia Galega do Audiovisual clausura a XXII edición dos Premios Mestre Mateo, cun récord de asistencia á gala de entrega de premios celebrada no Coliseum da Coruña. Unha cita para recoñecer e celebrar o talento audiovisual galego que congregou a 2.000 persoas e na que traballaron máis de 350 profesionais e 60 empresas auxiliares.
Cobertura mediática
A emisión en directo da entrega de premios realizada pola canle pública, a Televisión de Galicia, xuntou a 24.000 espectadoras obtendo un 4,4% de share. Ao mesmo tempo, á gala asistiron 67 profesionais da comunicación acreditadas, tanto de medios de comunicación tradicionais, como de prensa dixital e novos medios o que supón un incremento dun 48% con respecto á edición de 2023.
A comunicación en redes supuxo, un ano máis, un incremento da visibilidade e alcance dos premios, pola súa capacidade para conectar co público. Os álbumes de fotos da edición, dispoñibles na plataforma Flickr acadaron as 10.000 visitas. Cómpre salientar tamén a repercusión das publicacións da gala de entrega de premios no perfil de Instagram da Academia, que acadaron a cifra de 460.000 impresións.
Un escaparate para a moda galega actual
A moda galega foi outra das grandes protagonistas da noite. Por unha banda, cómpre destacar a aposta polo talento emerxente no vestiario da gala con Lucía Cabezas, Laura Salgado, Néstor Caamaño e Laura Villar vestindo a Lidia Veiga e Miguel Canalejo, mentres que Lucía Janeiro foi a encargada de vestir a Fillas de Cassandra. Por outra, a presenza das máis heteroxéneas creacións de deseñadores galegos que desfilaron pola alfombra vermella, como Bouret (responsables do estilismo de Estíbaliz Veiga); De los Aires (que vestiron a Alba Mancebo, María Mera e Marta Doviro); Franco Quintáns (deseñador dos atuendos de Diana Nogueira, Raquel Atanes e Cristina Maró); Tul Novias (a marca escollida por Eva Iglesias); Hugo López e Alberto Batres (deseñadores dos estilismos cos que Lidia Veiga e Miguel Canalejo pasaron polo photocall de finalistas); AO Studio 01 (que vestiron a Cris Iglesias) ou Adolfo Domínguez (deseñador do atuendo de Xurxo Carreño).
Organización
A XXII edición dos Premios Mestre Mateo é posible grazas ao apoio de Bico de Xeado e Estrella Galicia, patrocinadores oficiais, e o das seguintes institucións: a Axencia Galega das Industrias Culturais – AGADIC, Concello da Coruña, Deputación da Coruña e a Compañía de Radio Televisión de Galicia – CRTVG.