A festa Fin de Ano, a Cabalgata, o MultiXogo e o Autocine volven ás festas de Nadal en Compostela

As festas de Nadal de Compostela arrancarán hoxe, venres, ás 18.30 horas co acendido de luces. A partir deste momento, arranca un Nadal que recupera todos os seus puntos fortes que quedaran en suspenso pola pandemia da covid.

Dous dos momentos máis agardados deste Nadal será a celebración da festa de Fin de Ano e da Cabalgata dos Reis Magos, tras dous anos de parón por mor da pandemia. Veciñanza e visitantes están invitados a acudir á praza do Obradoiro o vindeiro 31 de decembro a partir das 22.30 horas para despedir o ano ao ritmo das badaladas e gozar a continuación coa actuación musical da Orquestra Fania Blanco Show.

Ademais, os nenos e nenas de Compostela terán este ano a oportunidade de darlle a benvida aos Reis Magos de Oriente que percorrerán as rúas da cidade a tarde do 5 de decembro. A cabalgata sairá ás 16.30 h da praza da Mercé de Conxo e percorrerá a avenida de Ferrol, Romero Donallo, Frei Rosendo Salvado, praza Roxa, República do Salvador, Hórreo, praza de Galicia, Senra, Porta Faxeira, porta Faxeira, Vilar, praza de Praterías, Fonseca e praza do Obradoiro. Na praza saudarán á Corporación e sairán ao balcón para saudar tamén os nenos e nenas, para recibir a continuación as súas cartas.

Mercados especiais para o Nadal

O venres 2, arranca o xa tradicional Mercado de Carreira do Conde ás 12.00 h. A partir do 23 de decembro o centro comercial Área Central tamén contará co seu propio mercado.

De novo, durante a fin de semana do 16 ao 18 de decembro, terá lugar outra cita xa habitual no Nadal compostelán, o Mercado da Estrela, un evento cultural multidisciplinario, que este ano chega ao seu undécimo aniversario, no que as persoas creadoras de Galicia exhiben e venden o froito do seu talento para que as súas pezas se convertan en orixinais e innovadores agasallos co selo #talentogalego.

Apego

O 30 de decembro terá lugar a Festa do Apego no Auditorio de Galicia, que pretende achegar un tempo de lecer e cultura en galego aos máis pequenos da casa. Esta iniciativa ofrecerá espectáculos, obradoiros e mostras para toda a familia desde as 12:00 ata as 19:00 horas.

Autocine

Este Nadal tamén volve o autocine. Do 2 ao 7 de xaneiro, pequenos e maiores poderán gozar desde o interior do auto dunha coidada selección de filmes para todos os públicos.

Entre os títulos elexidos para estas Festas atópanse Klara y la Navidad en la Granja, Eles transportan a morte, O Grinch, Clifford el gran perro rojo, Belle e o circo máxico ou Arthur Christmas, para o público infantil e familiar. Devolvendo o golpe, as curtamentraxes Augas abisaism Rompente e Sycorax, Unicorn Wars ou Quien a hierro mata, son os títulos programados para o público adulto.

MultiXogo Nadal

O Mutiúsos do Sar acollerá un evento xa coñecido pola cativada compostelá, que volve tras varios anos de ausencia, o MultiXogo Nadal, con múltiples actividades dirixidas a un público familiar que se desenvolverán entre os días 26 de decembro e o 2 de xaneiro entre as 17:00 e as 20:30 horas (agás o 31 decembro, entre as 10:30 h e a 14:00 h).

O evento contará cunha gran tirolina de 80 metros de percorrido dende a que se atravesará dende as alturas toda a pista central do recinto en diagonal, así como de circuitos de inchables, rocódromos, piscina de bolas xigante, circuito de karts a pedais, simuladores, videoconsolas, xogos interactivos, xogos populares, actividades deportivas e obradoiros de Nadal. Ademais tamén se sumarán actividades específicas diarias como concertos didácticos de cancións de Nadal, sesións de maxia, contacontos, sesión de dj infantil con badaladas, sesións de zumba…

Percorrendo a cidade

Tamén volverá este ano o tradicional Nadal sobre rodas, un precioso autobús inglés de dous pisos que percorrerá as diferentes rúas e prazas da cidade con divertidos obradoiros de cociña e actuacións musicais de balde para animar as xornadas de compras.

Ademais, desde o 2 ata o 31 de decembro en horario de 17:30 a 20:30 h, os pequechos e pequechas da casa tamén poderán desfrutar do Carrusel de cabaliños de 10 metros de diámetro que este ano estará ubicado na praza da Obradoiro. Estará pechado ao público os días 25 de decembro e 1 de xaneiro.

Non faltarán tampoio espectacular Belén da igrexa de San Fiz de Solovio e carreira de San Silvestre da tarde día 31 de decembro que percorrerá as principais rúas de Compostela ata chegar á rúa de San Francisco.

Centros Socioculturais

Durante a rolda de prensa, a concelleira de Centros Socioculturais, Mercedes Rosón, deu conta do programa ‘Vive o Nadal’, desenvolvida pola Rede de CSC e que propón unha oferta ampla e variada que engloba máis de 260 actividades culturais e de ocio para todas as idades nas que se espera que participen unhas 3.500 persoas.

As actividades tamén saíran ás rúas coa celebración os días 3 e 27 de decembro dunha xincana e coa colocación nos barrios dos adornos creativos feitos polos usuarios e usuarias. O programa completarase coa instalación do mercado de intercambio de xogos e xoguetes na praza Aurelio Aguirre de Conxo, unha ruta en bicicleta o sábado 31 de decembro e una serie de espectáculos teatrais e de contacontos nos diferentes centros.

Participación na cabalgata de Reis

“Cóntame unha cabalgata” é o lema escollido para esta visita das súas maxestades. Os contos clásicos e as personaxes que figuran na imaxinación da cativada, percorrerán as rúas de Compostela. Dende Conxo ata o Obradoiro adozarán esta tarde chea de ilusión e moita, moita maxia.

Así que se queredes axudar á comitiva a transmitir esta maxia, podedes anotarvos ata o 18 de Decembro ás 22:00 h a través do formulario de inscrición, nunha das seguintes modalidades de participación:

Paxes reais: farase un sorteo o día 20 de decembro no Teatro Principal das 9 prazas de Paxes Reais, con todas aquelas persoas inscritas. As e os aspirantes deberán ter idades comprendidas entre os 12 e 16 anos.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego